Manxares do Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago é unha experiencia para o espírito… e para o padal. Seis rutas xacobeas cruzan As Rías Baixas, cinco terrestres e unha marítima, e en todas elas é posible saborear fantásticos manxares con materia prima de gran calidade da provincia de Pontevedra. Acompañádenos nesta viaxe gastronómica cos mellores produtos do mar e a terra. Un festival para os sentidos.

Camiño Portugues

Camiño tradicional entra na provincia de Pontevedra por Tui e sae por Pontecesures. Ao longo desta ruta as peregrinas e peregrinos poden degustar os mellores mariscos, peixes e carnes. Hai, ademais, produtos típicos vinculados aos lugares de paso que paga a pena probar. É o caso do pan tradicional do Porriño, un produto artesanal con máis de 400 anos de historia, ou do codillo de Mos, apetitosa e contundente carne de porco acompañada de arroz.

O Camiño luso rodea Vigo, un dos portos pesqueiros máis importantes de Europa, onde están ao alcance da man os mellores produtos do mar. En Redondela é famoso o choco, que ten a súa propia Festa de Interese Turístico, e moi preto de alí, tamén no Camiño, Arcade (Soutomaior) ofrece ostras de fama internacional cultivadas no fondo da ría de Vigo, na enseada de San Simón.

Pontevedra conta cun rico e variado sector hostaleiro que oferta os mellores pratos con produtos Rías Baixas. Máis ao norte, Caldas de Reis é terra de roscóns especialmente saborosos, ao igual que o outro gran produto distintivo desta vila termal, o pan de manteiga.

Se nos desviamos do camiño cara ao leste, en Moraña atopamos o mellor carneiro ao espeto , unha receita ao máis puro estilo de La Pampa importada hai xa un século por un veciño da vila emigrado a Arxentina.

Tamén na contorna de Caldas atopamos outro fabuloso prato de carne, o lacón con grelos, acompañado de patacas e con filloas de sobremesa. E ao norte, antes de cruzar a fronteira provincial, en Valga cocíñase a espectacular anguía , un exquisito manxar capturado nas augas do río Ulla.

Ruta da Costa

O Camiño Portugués ten unha variante costeira, que parte da desembocadura do río Miño e conflúe coa senda tradicional en Redondela tras percorrer todo o litoral oceánico e a beira sur da ría de Vigo. Imprescindible é probar a deliciosa rosca de xema da Guarda, unha sinxela e esponxosa sobremesa tradicional. Para as e os amantes do marisco esta localidade ofrece unha espléndida lagosta , á que se lle rende homenaxe nunha festa declarada de Interese Turístico.

Todo o Camiño da Costa está salpicado de vilas mariñeiras (Baiona, Nigrán, Moaña e Cangas, estas dúas últimas na beira norte da ría de Vigo), ademais de cruzar Vigo, polo que é obrigatorio probar estes manxares que acaban de saír do mar.

Itinerarios do Salnés

Capítulo propio merece O Salnés en canto a mariscos. Por esta comarca costeira pasan dous camiños de Santiago. A Ruta do Padre Sarmiento , bautizada con ese nome na honra do monxe beneditino que regresou de Madrid para peregrinar a Santiago en 1745 e documentou o seu itinerario de 190 quilómetros na obra Viaxe a Galicia, percorre todo o territorio con punto de partida en Pontevedra. A Ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla avanza por vía marítima con parada nos diferentes portos entre O Grove e Catoira.

Ao longo dese percorrido podemos degustar saborosos moluscos de excelencia coma a vieira de Cambados, o mexillón e o berberecho de Vilanova de Arousa e a ameixa do Carril , de fama internacional. A todos estes produtos homenaxéaselles nas súas respectivas Festas de Interese Turístico. No Grove condénsase toda a riqueza do mar na súa fabulosa Festa do Marisco, de rango turístico nacional.

Camiños do interior

Os traxectos históricos a Santiago de Compostela tamén percorren a cara interior da provincia de Pontevedra, concretamente a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. Neste contorno tamén é posible gozar dunha marabillosa e variada gastronomía, entre a que destaca o cocido de Lalín (Festa de Interese Turístico Nacional), o salmón da Estrada e o gallo de curral de Vila de Cruces. Na parroquia de Laro cocíñanse deliciosastortillas e na Bandeira riquísimas empanadas, ambas as dúas no Concello de Silleda.

Culto ao viño

As Rías Baixas producen un dos mellores viños brancos do mundo, o albariño. Cambados é o berce deste ouro líquido ; e alí, coma noutros municipios do Salnés, atopamos excelentes adegas e caldos, do mesmo xeito que no Rosal, O Condado, Soutomaior e Ribeira do Ulla, as outras subzonas da Denominación de Orixe.

Na provincia de Pontevedra tamén son populares os “ furanchos”, tabernas nas que se despacha viño en tempada acompañado de produtos típicos.

O Camiño espera e a mesa está posta. A que esperades para probar os deliciosos pratos das Rías Baixas?

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM