Mar destina 2,7 millóns de euros este ano para a mellora das condicións de traballo dos profesionais de buques pesqueiros

Mercedes Rodríguez lembrou tamén que a Xunta traballa en distintas cuestións relacionada co ámbito da seguridade laboral no eido pesqueiro como é o asunto do botiquín e a asistencia a bordo de buques
Por o 14/03/2017 | Sección: CC.OO,Galicia,Naval,Sindicatos,Vigo,Xunta de Galicia
Mar destina 2,7 millóns de euros este ano para a mellora das condicións de traballo dos profesionais de buques pesqueiros

A Consellería do Mar destina este ano 2,7 millóns de euros para a mellora das condicións de traballo dos profesionais que faenan en buques pesqueiros. Adiantouno esta mañá a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, na inauguración do III Congreso da Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras. Así, a directora xeral trasladou que se subvencionarán aquelas melloras en buques pesqueiros que incidan na seguridade, hixiene, saúde e en xeral nas condicións de traballo dos mariñeiros.

Mercedes Rodríguez tamén trasladou que a Xunta traballa en distintas cuestións relacionada co ámbito da seguridade laboral. Nesta liña, lembrou o traballo que se está a facer para atopar unha normativa de seguridade a bordo que sexa acaída á frota de baixura, sobre todo de cara ao porte dos botiquíns. En relación a isto, a directora xeral recordou que se constituíu un grupo de traballo en conxunto co sector co obxecto de adecuar as esixencias dos botiquíns aos tempos de resposta derivados da distancia á costa.

A maiores, tamén trasladou que se segue a traballar para mellorar a directiva comunitaria que regula a asistencia médica a bordo dos buques coa finalidade de simplificar as esixencias e adecualas ás circunstancias de proximidade, inmediata asistencia médica e á limitación de espazo nos barcos.

Finalmente, Mercedes Rodríguez felicitou aos organizadores do congreso polo labor e a colaboración activa e directamente vinculada ao sector do mar a través do Consello Galego de Pesca. Ao tempo, apelou ao traballo conxunto da administración e da representación sindical pola clara e positiva influencia sobre a actividade socioeconómica e laboral, xa que compartimos o fin de “defender o ben común, do interese xeral e dos dereitos dos sectores da sociedade galega”, dixo.

Noticias de última hora en Vigo