Un mar de mulleres visibles

A mostra quere reivindicar as súas achegas a este sector
Publicado por o día 23/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Un mar de mulleres visibles

Despois do seu paso polos campus de Vigo e Pontevedra, este mércores chegou ao campus de Ourense a exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar. A iniciativa pretende darlle visibilidade ás mulleres que traballaron e traballan en oficios relacionados co mar, como redeiras ou mariscadoras, pero tamén ás mulleres que dedicaron e dedican a súa vida á investigación mariña, como as oceanógrafas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos.

A iniciativa, coordinada por María Álvarez Lires, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, está desenvolvida polo grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo coa colaboración do Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar, a Deputación de Pontevedra e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Orgullosas do seu traballo

A idea de pór en marcha este proxecto arredor das mulleres e do mar, comentou a súa coordinadora durante a inauguración da exposición este mércores no Edificio Politécnico, xurdiu ante a idea de que as mulleres que traballan en temas relacionados co mar sofren unha dobre invisibilización: por unha banda por ser mulleres e por outra por traballar “nun medio invisible” como salientou Álvarez Lires que é o mar “a pesar dos quilómetros de costa que temos”.

Segundo explicou a comisaria, a exposición recolle fotografías que abranguen desde o ano 1914 ata 2017, “agradecendo a enorme xenerosidade” das persoas e entidades que permitiron a súa recompilación. A través destas imaxes de “mulleres anónimas” visibilízase o traballo realizado por elas en diferentes eidos, desde as redes á salgadura, e en diferentes momentos da historia. A través do seu testemuño, Álvarez Lires destacou como se pode ver que a pesar de que “ninguén pensa no seu traballo” “as mulleres destes oficios están orgullosas do seu traballo e de ser sostén das súas familias”. A exposición inaugurada este mércores no Edificio Politécnico do campus de Ourense complétanse cunha páxina web que recolle información histórica dos oficios do mar representados nesta exposición e outros contidos, como entrevistas realizadas a traballadoras do mar así como a investigadoras.

Campus do Mar e Campus da Auga

Pola súa banda, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou na inauguración da mostra como esta iniciativa “simboliza o compromiso da Universidade de Vigo coa revolución das mulleres”. O vicerreitor do campus tamén sinalou como Sustentabilidade en feminino conta coa colaboración do Campus do Mar e como agora chega a un campus especializado como é o Campus da Auga. “O Campus do Mar visítanos hoxe e encóntrase aquí co Campus da Auga”, díxolle Virxilio Rodríguez aos asistentes á inauguración, entre os que estaba Emilio Fernández, director do Campus do Mar; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Belén Iglesias, concelleira de Cultura, e Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense.

En representación da Deputación Provincial de Pontevedra, Digna Rivas fixo fincapé en como esta exposición amosa como “as mulleres xogan un papel importantísimo no mundo do mar” e como “é de xustiza recoñecer esa historia descoñecida”. A deputada apuntou como tras percorrer os tres campus da Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra quere poñer esta mostra a disposición dos concellos da provincia “para que chegue a toda a cidadanía”.