Mar Pereira sinala que o novo regulamento de protección de datos obriga ás administracións a xerar un clima de confianza nas súas relacións cos cidadáns no actual contexto dixital

A Xunta está a traballar na adaptación da súa política de seguridade TIC ao novo regulamento definindo accións a curto prazo como o nomeamento do Delegado de Protección de Datos ou a publicación do rexistro de actividades de tratamento
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Xunta de Galicia

Mar Pereira sinala que o novo regulamento de protección de datos obriga ás administracións a xerar un clima de confianza nas súas relacións cos cidadáns no actual contexto dixital

Empresas e administracións públicas están a afrontar a adaptación ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos, que entrará en vigor o 25 de maio de 2018. Este proceso e o seu impacto nas entidades locais son o obxectivo da xornada que se celebra hoxe en Santiago, organizada pola Federación Galega de Municipios (FEGAMP) e Colexio de Enxeñaría en Informática (CPEIG) e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Balidea.

A directora da Amtega, Mar Pereira, foi a encargada de inaugurar o encontro, xunto co presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente da FEGAMP, Manuel Mirás. Na súa intervención, Pereira destacou que o novo Regulamento Xeral de Protección de Datos obriga ás Administracións a xerar un clima de confianza cos cidadáns no actual contexto dixital e que tamén contribuirá a concienciar á sociedade sobre a importancia de xestionar adecuadamente a súa privacidade na Rede e nas súas relacións online con empresas e entidades públicas.

Mar Pereira fixo fincapé na complexidade que supón a adaptación ao novo regulamento, especialmente para as entidades de menor tamaño como os concellos e avanzou as liñas que está a seguir a Xunta para cumprir co RXPD.

Medidas da Administración autonómica

A Xunta enmarca este proceso no seu Plan Director de Seguridade TIC, que se está adaptar ás esixencias da nova normativa cunha folla de ruta en dúas fases. Entre as accións a curto prazo están o nomeamento dos delegados de protección de datos, que serán empregados públicos, un por consellería e tamén un da Amtega, que actuará de coordinador; a publicación do rexistro das actividades de tratamento; a modificación das cláusulas informativas; o desenvolvemento de análises de riscos e avaliacións de impacto; a implantación das medidas de seguridade correspondentes e asegurar a correcta atención dos dereitos dos interesados.

A Xunta contará con servizos de apoio para a adecuación ao RXPD. Por unha banda, implantarase un completo sistema de xestión da protección de datos persoais, que garanta un cumprimento pleno do RXPD e que permita demostrar sen dúbidas a debida responsabilidade proactiva. Por outra, porase en marcha un servizo especializado de asesoramento para os Delegados de Protección de Datos.

Estes servizos están en fase de licitación e contemplamos a posibilidade de articular a súa extensión a outros organismos públicos non integrados na Amtega e as Administracións locais, a través de convenios.