“Mar de sabores” finalista da 1ª edición dos premios economía azul na categoría “Diversificación”

O evento, que se celebra en Panxón fusionando tradición mariñeira e gastronómica, compite cun proxecto de turismo industrial na Costa da Morte e con outro para facer da lonxa do Grove un lugar máis atractivo.
Por o 22/09/2017 | Sección: Eventos,Galicia,Nigrán
“Mar de sabores” finalista da 1ª edición dos premios economía azul na categoría “Diversificación”
Compartir en:

“Nigrán, mar de sabores”, o evento que fusiona gastronomía, ocio e tradición mariñeira organizado entre Concello e Confradía de Pescadores ‘A Anunciada’ coa financiación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), resultou finalista dos primeiros premios Economía Azul na categoría de Diversificación. Esta proposta, que recentemente celebrou a súa segunda edición no porto de Panxón, competirá nunha votación popular cun proxecto de turismo industrial na Costa da Morte e con outro para facer da lonxa de O Grove un lugar máis atractivo. A entrega de premios será nunha gala na Cidade da Cultura de Santiago o 27 de outubro.

O proxecto “Nigrán, Mar de Sabores”, foi escollido como finalista dentro da categoría de Diversificación, modalidade que ten por finalidade a de promover a diversificación dentro e fora do sector pesqueiro, principalmente cara outras actividades marítimas. Os obxectivos deste premios “Economía Azul” son recoñecer os mellores proxectos aprobados no ano 2016 no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos GALP, que contribuíron ao Desenvolvemento Sostible das zonas pesqueiras; motivar a potenciáis promotores para que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP e, finalmente; visibilizar e recoñecer o traballo dos GALP nas zonas pesqueiras.

Con este evento Nigrán quere por en valor os produtos pesqueiros locais máis representativos do municipio e o patrimonio cultural asociado ao mesmo.

Así, ofrécese degustar diferentes pratos elaborados con productos que comercializa o pósito e ao mesmo tempo hai unha programación ininterrumpida de ocio para todo tipo de público e que inclúe dende exhibicións a obradoiros, xogos, actuacións musicais, exposicións fotográficas, acuarios con especies mariñas locais… Esta segunda edición, celebrada o 2 e 3 desetembro, tivo como eixo a promoción e protección do medio ambiente marítimo e incluirá roteiros medioambientais pola contorna.