O Cuvi acolle un “Maratón de casos a favor da humanidade e en contra do cambio climático”

Publicado por o día 27/11/2019 na sección de Galicia,Social,Universidade de Vigo,Vigo

O Cuvi acolle un “Maratón de casos a favor da humanidade e en contra do cambio climático”

O vindeiro xoves, 28 de novembro de 11.30 a 13.30, Amnistía Internacional de Vigo realizará unha recollida de firmas na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. O acto encádrase dentro dos que a nosa organización leva a cabo para celebrar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, pedra angular dos dereitos polos que Amnistía e os sete millóns de persoas que integran a súa base de poder loitan día si, día tamén.

Facémolo investigando e denunciando abusos contra os dereitos humanos onde queira que se cometan. Nesta ocasión as accións céntranse en traballar por casos de defensoras e defensores novos. Seleccionamos tres casos de tres países distintos:

1.- Marinel Sumook Ubaldo de Filipinas (16): en 2013 sobreviviu ao mortífero tifón Yolanda para converterse nunha destacada activista xuvenil, entregada a lograr que os gobernos de todo o mundo fagan fronte ao cambio climático e aborden os seus efectos sobre a súa comunidade e outras na súa mesma situación.

2.- Sarah Mardini (24) e Seán Binder de Grecia (25), voluntarios de salvamento marítimo en Lesbos que axudaban a persoas en perigo no mar, terminaron no cárcere acusados de espionaxe, tráfico de persoas e pertenza a organización criminal. Queren que a través do seu caso se coñeza a situación das persoas refuxiadas en Europa.

3.- Aryani Yasaman Aryani de Irán, actriz, atreveuse a desafiar as leis sobre o uso obrigatorio do veo en Irán porque cre que as mulleres deben ter liberdade para decidiren que pezas visten. Foi detida e condenada á escandalosa pena de 16 anos de prisión.

Ao mesmo tempo, Amnistía Internacional fará público os resultados dunha enquisa global que realizou da man da axencia Ipsos sobre as opinións de mozos e mozas entre 18 e 25 anos e como ven o mundo. A enquisa pide aos mozos que dean a súa opinión sobre o estado actual dos dereitos humanos no seu país, que temas lles interesan particularmente, que dereitos senten que poden estar ameazados e se os seus líderes están a facer un bo traballo con respecto aos dereitos humanos. A enquisa ofrece unha instantánea única de como os seus puntos de vista poderían dar forma ao futuro da humanidade.

Galvanizando ao noso movemento global, arroxamos luz onde as persoas están en perigo e damos información ás xeracións futuras para que o cumprimento progresivo dos dereitos humanos sexa unha realidade para todas as persoas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.