Marcelo Castelo falará sobre «profesores que inspiran» no ciclo «Educación século XXI» de Afundación

Estará o mércores 18 de setembro na Sede Afundación de Vigo, e o xoves 19 na Sede Afundación da Coruña
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Marcelo Castelo falará sobre «profesores que inspiran» no ciclo «Educación século XXI» de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, retoma o seu ciclo de conferencias «Educación século XXI» con novos relatores e temas, consolidando así esta firme aposta da entidade pola difusión de modelos formativos diversos, en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais e creando foros de intercambio de coñecemento que inclúan tanto docentes como nais e pais.

O experto en comunicación Marcelo Castelo será o encargado de reabrir este ciclo coa conferencia «Profes que cativan e inspiran». Estará mañá mércores 18 de setembro, ás 19.00 h, na Sede Afundación de Vigo, e o xoves día 19, tamén ás 19.00 h, na Sede Afundación da Coruña. A asistencia é gratuíta, pero é necesario inscribirse previamente na web Ataquilla.com.

Na súa conferencia falará sobre o efecto que logra unha boa comunicación entre os docentes e os seus alumnos. Para o ser humano é imposible non comunicarse. Incluso os silencios, os xestos e as accións son moito máis relevantes que as palabras. Castelo tentará explicar como é posible cativar e inspirar aos estudantes.

Marcelo Castelo centra o seu labor como conferenciante, divulgador e ensaísta na comunicación capaz de influír nas persoas. Froito dos seus estudos creou a teoría de «a transición de fase» na que revela os estados polos que debe pasar unha mensaxe para provocar un efecto no oínte. Como autor escribiu El cliente ha muerto ¡Viva el cliente!, Si lo sé no lo digo e La transición de fase: hacia una teoría sobre las etapas de la

comunicación persuasiva. Xunto con Javier Cudeiro, catedrático da Universidade da Coruña, creou o seminario «Dar clase como los neurocraks» no que ambos ensinan a impartir unha clase para captar, con base científica, a atención do alumno disperso.

PROGRAMA «EDUCACIÓN SÉCULO XXI»

Afundación iniciou en 2017 o ciclo de conferencias «Educación século XXI», un programa de conferencias que pretende difundir as últimas novidades en formación e ensino, abordando diferentes enfoques sobre a docencia, e á súa vez reunir á comunidade docente, parental e o estudantado. A edición deste curso continuará coa xornalista e deportista Irene Villa que estará o 30 de outubro na Sede Afundación de Vigo e o día 31 na Sede Afundación da Coruña. Finalmente, o empresario e escritor Álex Rovira falará o 11 de decembro na Sede Afundación de Pontevedra e o día 12 na Sede Afundación de Santiago de Compostela.

Máis de 5000 persoas xa asistiron a estas charlas que este curso de estenderán tamén a outras localidades fóra de Galicia. Así, César Bona, finalista dos Global Teatcher Prize 2015 e un dos principais referentes na defensa dun cambio de modelo no sistema educativo, ofrecerá unha conferencia en Xixón e León os días 20 e 21 de novembro, e Xuxo Ruiz, especialista en maxia infantil e maxia educativa e finalista dos Global Teacher Prize 2018, estará en Oviedo o vindeiro 23 de outubro.

A ÁREA EDUCATIVA DE AFUNDACIÓN, A OBRA SOCIAL DE ABANCA

O obxectivo no campo formativo de Afundación está definido pola vocación ao redor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas de Afundación pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que mesturen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada nena e de cada neno das ferramentas necesarias para perseverar na adquisición da súa autonomía persoal.

As propostas da Área Educativa de Afundación abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.

Comentar noticia

Your email address will not be published.