En marcha as obras de mellora do cruce da estrada provincial EP-2702 co acceso á igrexa do Valado en Pazos de Borbén

Os traballos iniciáronse a semana pasada e, se a climatoloxía o permite, estarán rematados a finais de marzo
Publicado por o día 12/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

En marcha as obras de mellora do cruce da estrada provincial EP-2702 co acceso á igrexa do Valado en Pazos de Borbén

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de mellora da seguranza viaria no cruce da estrada provincial EP-2702 coa vía municipal que leva á igrexa do Valado en Pazos de Borbén.  Segundo explicou o deputado provincial Uxío Benítez, a intención é rematar os traballos, se a climatoloxía o permite, a finais do mes de marzo.

O obxectivo da actuación, explica o deputado, é aumentar a seguranza viaria e a visibilidade na intersección. A obra ampliará a superficie da vía en ambas marxes, crearase un carril de espera e instalaranse dous redutores de velocidade -que quedará limitada a 30 quilómetros por hora-. Debido á necesidade de ampliar a superficie de manobra no cruce foi necesario ocupar dúas parcelas privadas, o que ralentizou o inicio da obra máis do previsto.

Nestes momentos, os operarios da empresa Narom, adxudicataria da actuación, están a construír un pequeno de contención na zona onde se creará o carril de incorporación. Nos vindeiros días procederase a realizar un desmonte de terreo na parte e construirase un muro de contención na marxe esquerda, mentres que na contraria crearase a base de explanada. Así mesmo, solucionaranse as drenaxes mediante a remodelación de cunetas e pintarase nova sinalización horizontal e vertical. Debido á perigosidade da zona colocaranse dous redutores físicos de velocidade en cada extremo do ámbito de actuación, que terá unha limitación específica de velocidade de 30 quilómetros por hora.

O orzamento de licitación da actuación ascendeu a 85.506,67 euros, e finalmente foi contratada coa empresa Narom SL -entre as 16 propostas existentes-, que presentou unha oferta de 63.189,43 euros. A mellora do cruce  era unha antiga demanda da veciñanza polo alto tránsito de vehículos non só dos particulares do lugar, senón de toda a veciñanza do concello para ir á igrexa de Nespereira e ao camposanto. Así mesmo, tamén se ten detectado un alto tránsito de vehículos pesados pola conexión co parque empresarial.