Marcos Calveiro gaña o XXIV premio San Clmente Rosalía-Abanca

‘O xardineiro dos ingleses’, editado por Galaxia, acada o galardón na modalidade de lingua galega
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Cultura,Eventos

Marcos Calveiro gaña o XXIV premio San Clmente Rosalía-Abanca

A XXIV edición do Premio San Clemente Rosalía-Abanca, convocado pola Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, xa ten gañadores. Na modalidade de novela en galego, fíxose co galardón Marcos Calveiro coa obra O xardineiro dos ingleses, coa que xa obtivera tamén o Premio García Barros do Concello da Estrada. Nas variantes de novela en castelán e en lingua estranxeira, os vencedores foron Pedro Mairal, con La uruguaya, e Han Kang, con A vexetariana, respectivamente. Os nomes dos autores seleccionados polo xurado do premio déronse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa celebrada no IES Plurilingüe Rosalía de Castro que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

García Gómez incidiu na importancia que ten para a difusión da literatura en lingua galega entre a mocidade un certame “que lles dá voz aos lectores novos para que sexan eles os que se erixan en xurado, os que expresen os seus gustos tras unha lectura que, tendo en conta a responsabilidade que asumiron, seguramente foi atenta e demorada”. O secretario xeral de Política Lingüística fixo tamén fincapé en que “é un acerto que este sexa un premio internacional e para literaturas en diferentes idiomas, porque para o alumnado galego é importante que se poña en paralelo a novela escrita na lingua propia de Galicia por autores do seu contorno próximo coa de figuras relevantes do ámbito internacional que empregan cadansúa fala para se expresar”.

O responsable de Política Lingüística estivo acompañado por Xavier Mouriño, director do IES Plurilingüe Rosalía de Castro; Ubaldo Rueda, presidente da Asociación Cultural Rosalía de Castro; Juan Carlos Caneiro, director territorial de Abanca, e Maribel Martín, responsable da organización do premio.

Xurado adolescente

O xurado do XXIV Premio San Clemente Rosalía-Abanca estivo composto por estudantado de bacharelato do IES Plurilingüe Rosalía de Castro e do IES Antonio Fraguas Fraguas, ambos de Santiago de Compostela; dos IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros, Sánchez Cantón de Pontevedra, Xoán Montes de Lugo e Ramón Otero Pedrayo de Ourense e mais dos seguintes colexios estranxeiros: Hockerill College de Londres (Reino Unido), Saint François Xavier de Vannes (Francia), Grimmelshausen

Gimnasium de Gelnhausen (Alemaña), Escola Secundaria de Santa Comba Dão (Portugal) e Colexio Rosalía de Castro de Moscova (Rusia).

Os mozos e mozas integrantes do xurado tiveron que elixir entre nove novelas finalistas. En lingua galega, disputaron o premio con O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval, e Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, todas elas publicadas pola Editorial Galaxia. En castelán, o estudantado valorou, a canda La uruguaya, de Pedro Mairal (Libros del Asteroide), Los cinco y yo, de Antonio Orejudo (Tusquets), e Tierra de campos, de David Trueba (Anagrama). En lingua estranxeira, as finalistas eran, xunto con A vexetariana, de Han Kang (Rata), Solenoide, de Mircea Cartarescu (Impedimenta), e Toda unha vida, de Robert Seethaler (Salamandra).