En Marea acusa ao PP continuar a política de venda “a pedazos e prezo de saldo” do noso país coa proposta de fomento de iniciativas empresariais

O viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, asegurou que o texto presentado polo PP busca acabar coas garantías ambientais e a participación pública da cidadanía para beneficiar a unhas poucas empresas.
Publicado por o día 28/08/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea acusa ao PP continuar a política de venda “a pedazos e prezo de saldo” do noso país coa proposta de fomento de iniciativas empresariais

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, denunciou que a proposición non de Lei para o fomento de iniciativas empresariais presentada polo Partido Popular non é outra cousa que “a continuidade acelerada da política de Feijóo de vender o país a pedazos e prezo de saldo, entregando o noso territorio a cambio de nada ou o que é peor, da destrución da nosa paisaxe e o noso medio ambiente“. “O Goberno Feijóo está a especializar a Galicia na produción de materias primas baratas que non crean valor engadido pero si provocan un forte impacto no territorio“ afirmou Antón Sánchez. Esta iniciativa do PP na que se basea na eliminación de tramas administrativas que na práctica o que supón é acabar coas garantías ambientais e a participación pública da cidadanía.

O vicevoceiro de En Marea asegurou que ao seu grupo non lle gustan nin o que nin o como desta lei,  xa que se optou pola vía da urxencia reducindo as posibilidades de dar un debate profundo e polo tanto a capacidade de participación. “Estamos ante un desprezo máis dun partido que aspira a ser un partido totalitario no que hai  unha sobreactuación na publicidade e propaganda pero pouca organización e planificación“ declarou Sánchez. Os que si están a planificar son os das grandes empresas especialmente do sector eléctrico, mineiro ou forestal que “son os que realmente están a planificar e Feijóo unicamente fai o que lle mandan“.

Con esta proposta o PP o que busca é “colar pola porta de atrás“ medidas destinadas para beneficiar os intereses específicos de grandes empresas destes sectores. Así, no eólico, que desde En Marea levan anos dicindo que está morto, non se fixo nada e agora o que se pretende é a liberalización do sector para que quede aínda máis nunhas poucas empresas que son as únicas capacitadas para cumprir os requisitos. O PP con esta iniciativa impide que o vento reverta na mellora da calidade de vida dos galegos e galegas para garantir un negocio espectacular dunhas poucas empresas. Así, o 90 por cento dos beneficios obtidos polo vento en Galicia vai a parar a empresas de capital estranxeiro de fora do territorio e sen case retorno para a nosa xente. Unha das cuestións que se poderían recoller nesta proposición de lei sería por exemplo que tivesen que pagar polo menos o canon eólico, algo que non se fai como tampouco se introducen medidas de protección da paisaxe.

“O PP non traballa para á maioría da xente senón para os cerebros que traballan nunhas poucas grandes empresas. O modelo que quere o goberno Feijóo é o que deixa no noso territorio os graves impactos pero tan só as migallas dos beneficios mentres hai xente que se está a forrar co noso vento“ salientou Antón Sánchez.

No sector mineiro o que se está a facer é barra libre para as grandes empresas e total desprotección da cidadanía reducindo entre outras cuestións os prazos na tramitación dos expedientes e optando porque o silencio administrativo sexa considerado como un si á hora de sacar adiante un proxecto mineiro neste país.

No forestal o PP continúa a fomentar madeira barata para pasta ou papel desbotando non novos modelos e repetindo a eliminación de trabas administrativas que novamente se traducirán en graves impactos.

Incentivos ás empresas se cargan aos Concellos que terán que correr coa conservación dos espazos dotacionais cedidos, e non a Xunta de Galicia como tentan facer ver. Coa creación de figuras como proxectos singulares ou de especial interese con definicións tan vagas ábrese a porta para implantar modelos que lle interesen ao goberno que toque. Pódense colar empresas con proxectos e intereses escuros. Redúcese a exposición pública o que implica impedir ou dificultar que a cidadanía faga fronte a determinados proxectos empresariais.

MOCIÓN DE CENSURA ILEGAL EN CORISTANCO

O viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, referiuse tamén á moción de censura no Concello de Coristanco que asegurou reflicte unha vez máis a “actitude hipócrita e antidemocrática do PP que continúa a promover mocións de censura nas que están ao fronte personaxes como Telmo Martín ou o ex alcalde de Coristanco, Antonio Pensado “coñecido polas súas tácticas caciquís e negocios escuros durante os seus anos na Alcaldía, e que aínda que ao día seguinte o PP diga que os expulsan, esa táctica xa é coñecida por todos“.

A lexislación é clara ao respecto como sinalou Antón Sánchez, o que impediría o voto daquela persoa que deixa un grupo. Neste sentido o grupo de En Marea ten presentado unha iniciativa pedindo ao Goberno do Estado que interveña de oficio neste tema xa que de se ter notificado en tempo e forma a expulsión do grupo municipal de Abraham Gerpe, o acordo aprobado para a moción de censura sería ilegal e debería ser anulado.