En Marea acusa ao presidente de atacar dereito fundamentais como o dereito á saúde, á integridade física e moral e a propia vida

O portavoz Luís Villares preguntou na sesión de control pola dramática situación do sistema sanitario público galego denunciada polos propios profesionais.
Por o 22/02/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea acusa ao presidente de atacar dereito fundamentais como o dereito á saúde, á integridade física e moral e a propia vida

O grupo parlamentario de En Marea centrou a sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na situación da Sanidade pública do noso país pero desde o punto de vista dos dereitos. O portavoz Luís Villares alertou que desde que Núñez Feijóo chegou ao Goberno galego a redución do orzamento en Sanidade superou o 12 por cento en termos reais, máis de 590 millóns menos. Isto tivo consecuencias asistenciais que se traducen en 447 camas menos nos hospitais públicos galegos e unha redución de máis de 1.700 prazas de profesionais sanitarios.

Pero non estamos a falar só dunha redución de medios senón tamén dos dereitos que se prestan e que deben estar garantidos como o dereito a saúde, a integridade física, a integridade moral, e o dereito en definitiva á vida. Uns dereitos que a consecuencia das políticas de recortes impostos polo Partido Popular non se están a garantir.

Na súa intervención fixo referencia a unha serie de feitos que demostran que non se están a respectar estes dereitos fundamentais. Episodios máis tráxicos da historia de Galicia como a dramática peregrinaxe á que eran obrigadas as mulleres para interromper un embarazo porque en Galicia non o podían facer, en condición humillantes e nalgúns casos con riscos importantes para a súa propia saúde e secuelas. E todo por razóns económicas. Ou a morte de persoas enfermas de hepatite C por non obter os medicamentos en tempo que se lle se lle denegaban por razóns burocráticas e non por razóns médicas, por ordes baseadas na políticas de recortes do PP.

Na sesión plenaria de onte mesmo o Conselleiro de Sanidade atrevíase a acusar a En Marea de “falar por falar“ cando denunciamos a situación real na sanidade do noso país. “Falar por falar cando hoxe mesmo están sentados ante a xustiza no banco dos investigados eses dous altos cargos do SERGAS acusados non só por un posible delito de prevaricación senón por homicidio imprudente por negar medicamentos a xente que os precisaba para vivir“ replicou Villares.

Non so feitos do pasado senón tamén do presente lamentablemente. O pasado mes de novembro profesionais do CHUOU denunciaban o colapso de urxencias como consecuencia de que as camas estaban ocupadas con hospitalización e non se podía atender as urxencias por falla de espazo. Todo mentres existían salas pechadas por falla de persoal. Unha situación que volveu a se repetir no mes de xaneiro. Ou a denuncia dos profesionais do hospital psiquiátrico de Conxo tamén denunciada polos propios traballadores que tiveron que alertar do drama que están a vivir cun suicidio no mes de xaneiro e a agresión sexual a outra e que son consecuencia tamén dos recortes de medios e persoal para atender aos usuarios e usuarias, “e non o di En Marea, o din os traballadores que están a traballar neste centros“. Ou a lamentable morte dunha muller soa no corredor do Hospital de Santiago, algo que atenta directamente ao dereito a dignidade das persoas. “¿Esta é a sanidade pública que nos merecemos para o Goberno do PP as galegas e os galegos? Desde logo non é a que defende e quere En Marea“ preguntou Luís Villares ao Presidente da Xunta.

Un grupo parlamentario que como destacou o seu portavoz “pisa e está na sanidade pública“ e que leva ao Parlamento datos reais denunciados por colectivos reais que traballan e defenden a sanidade pública. E por iso En Marea defende un sistema sanitario público que garanta dereitos fundamentais para todas as persoas independentemente da súa renda e do lugar onde viva, esa é a sanidade na que En Marea cree e defende.

ALARMANTE INCREMENTO DOS ERE EN GALICIA
O deputado de En Marea, Manuel Lago, tras a sesión de control ao Presidente formulou a pregunta do seu grupo ao Conselleiro de Industria, Francisco Conde, na que pediu explicacións sobre os motivos polos que Galicia rexistra a peor evolución do Estado (só por detrás de Baleares) no relativo a expedientes de regulación de emprego. Mentres o número de ERE´s en Galicia medran de xeito preocupante, no resto do Estado redúcense e a maiores increméntanse igualmente a porcentaxe de ERES´s de despedimento situándose no 58 por cento.

“A evolución dos EREs está vinculada á actividade económica e á situación das empresas, ben de carácter xeral ou sectorial, de maneira que aumentan as persoas afectadas por EREs cando as empresas ou sectores teñen dificultades e redúcese cando a situación mellora“ explicou Lago. Esta cuestión contrasta con que nos once primeiros meses de 2016 o número de persoas afectadas por un ERE medrou de xeito considerable ao tempo que o Goberno proclamaba a saída da crise e a recuperación da economía.

O deputado de En Marea recriminou a actitude do Goberno galego ao respecto e a falla total de asunción da súa responsabilidade desta evolución negativa que deixan en evidencia a incapacidade da Xunta de Galicia para loitar contra o desemprego e a precariedade laboral no noso país.

Na quenda de réplica o deputado de En Marea, lamentou que unha vez máis o Goberno galego limítese en negar a realidade xa que sen un recoñecemento do problema continuaremos sen poñer os medios para o solucionar. “Temos un grave problema no emprego en particular e no mercado laboral en xeral. Desemprego, precariedade, baixos salarios, emigración, fenda salarial de homes e mulleres en aumento, perda de poboación menor de 35 anos… problemas compartidos co conxunto do Estado pero que en Galicia nos está a afectar con máis gravidade“ mentres a Xunta de Galicia simplemente, nega os datos, nega a realidade.

O GOBERNO COS PODEROSOS E CONTRA OS TRABALLADORES DE FERROATLÁNTICA
O grupo de En Marea, nesta ocasión o deputado Francisco Casal, esixiu ao Goberno que amose a súa oposición clara á pretendida venda de Ferroatlántica e a separación das centrais hidroeléctricas. Na súa resposta o conselleiro Francisco Conde declarou que o Goberno galego defenderá interese público pero deixando entrever na súa intervención que ese interese público podería mudar en referencia ao hipotético plan industrial anunciado por Villar Mir, promesa repetida hasta en tres ocasións nos últimos 20 anos e que non foi nunca levado a práctica.

Así mesmo, Francisco Casal advertiu que o que está a facer Villar Mir non é outra cousa que esperar a ter “mellores cartas“ para entrar a xogar e por iso non presentou aínda petición algunha e non o farán “ata que teñan coaccionada a toda a comarca e aos medios de comunicación“. “O Goberno galego pola súa banda asegurou ten que reaccionar porque existe unha constancia oficial ante os reguladores bursátiles aos que o Goberno galego debe deixar ben claro que as centrais eléctricas non se poden vender, que non é estar fora do dereito administrativo senón únicamente cumprir a lei“ rematou o deputado de En Marea.