En Marea acusa a Portos de Galicia de ser cómplice coa privatización de areais de Sanxenxo para uso dos pantaláns do Real Clube Náutico

Marcos Cal: “A Xunta está priorizando o interese do amigo do PP Pedro Campos sobre o dereito da cidadanía a disfrutar das praias”.
Publicado por o día 01/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea acusa a Portos de Galicia de ser cómplice coa privatización de areais de Sanxenxo para uso dos pantaláns do Real Clube Náutico

O deputado de En Marea por Pontevedra, Marcos Cal, preguntou hoxe en sede parlamentaria se o goberno galego exerce algún control sobre o uso “e abuso” das instalacións do Real Clube Náutico de Sanxenxo, que está danando seriamente as praias Panadeira e Iriña (Os Barcos), esta última co acceso bloqueado pola concesionaria do pantalán. Asimesmo, o parlamentario demandou explicacións sobre os motivos polos que Portos de Galicia autoriza unhas actuacións que “permiten que bens públicos pasen a mans privadas e se convertan en obxecto de negocio” en detrimento do interese xeral.

A obra do pantalán está realizada sen declaración de impacto ambiental e o Real Club Náutico non cumpriu coas distancias comprometidas na modificación do proxecto para lograr autorización (o compromiso era gardar unha distancia de 33 metros, pero hai apenas 20), ademais de empregar un espazo non destinado a amarres para motos e zodiacs. “A realidade é que se está transformando un espazo natural en zona portuaria”, explicou o deputado de En Marea, “o que conleva un aumento da contaminación e limitación do baño polos verquidos e biocidas”.

Marcos Cal, que hai semanas visitou a zona afectada  coa Plataforma Veciñal SOS Panadeira, lembrou a oposición social que suscitou na vila esta obra, que no seu día foi rexeitada  polos informes técnicos do concello de Sanxenxo e que responde á “política de grandes obras que só busca facer operacións que beneficien ás concesionarias que explotan a actividade”.

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, limitouse a respostar que o goberno galego mantén o control sobre a zona e que a única motivación que moveu á Consellería do Mar á hora de autorizar as obras foi o cumprimento da lexislación.

Para Cal esta resposta é proba de que “son cómplices de que praias urbanas que históricamente estivo empregando a cidadanía de Sanxenxo agora teñan o acceso interrumpido ou limitado” e instou á Xunta a “garantir que o interese público prevaleza sobre o interese de amigos do PP, coma neste caso Pedro Campos”.