En Marea acusa a Xunta de Galicia de deixar fóra das axudas urxentes para evitar cortes de luz e gas a milleiros de familias

O grupo denuncia que coas actuais bases reguladoras unicamente poden acceder aquelas familias que se atopen en situación de pobreza extrema xa que se establece unha renda máxima por unidade familiar de menos de 6.400 euros brutos ao ano.
Publicado por o día 05/01/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo,Xunta de Galicia

En Marea acusa a Xunta de Galicia de deixar fóra das axudas urxentes para evitar cortes de luz e gas a milleiros de familias

Requisitos como estar ao día nos pagos con todas as Administracións ou a imposición da vía electrónica para presentar as solicitudes son outras das trabas de acceso a estas axudas por parte da Xunta de Galicia.

O viceportavoz Antón Sánchez, denuncia o uso propagandístico e publicitario destas axudas por parte do PP.

En Marea rexistrou unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno da Xunta de Galicia a levar a cabo as necesarias modificacións na orde de 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social para evitar os cortes de luz e gas ás persoas máis vulnerables. Segundo os últimos datos estatísticos en Galicia son preto de 198.000 os fogares susceptibles de sufrir pobreza enerxética. Para o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, a orixe o problema está na “usura e avaricia das multinacionais que controlan o sector co apoio dos distintos gobernos, e unha política económica que incrementou a desigualdade de forma exponencial“.

En Marea entende que a grave situación na que se atopan estas familias podería ser superada con iniciativa e vontade política algo que non acontece no noso país tal e como demostra esta orde publicada no DOGA no día de onte e que tal e como denunciou Sánchez “inclúe unhas bases  que son un verdadeiro insulto para a maioría social“. En base ao publicado, unicamente terían acceso a estas axudas familias en situación de pobreza extrema xa que a renda máxima para optar a elas sitúase nos 6.390,13€ de ingreso bruto familiar anual o que deixa fóra a gran maioría das familias que necesitan esas axudas.

A orde inclúe outros requisitos como estar ao día con todas as administracións públicas, ou a esixencia de presentar estas solicitudes “unicamente por vía electrónica“ o que para estas familias que non poden nin tan sequera pagar o recibo da luz ou do gas é lóxico pensar que acceder a internet e poder presentar a documentación dixitalizada resulta un problema máis a unha larga lista de trabas impostas por parte da Xunta de Galicia.

A contía que o Goberno galego destina a estas axudas, é outro dos aspectos denunciados polo grupo parlamentario de En Marea xa que apenas achega 400.000 euros, empregando o argumento da non utilización durante o exercicio anterior do conxunto do orzamento, que foi modificado en novembro pasado destinando 200.000€ desa partida financiar a iluminación do Gaias, “un claro exemplo das prioridades do Goberno“.

“Un Goberno responsable, con empatía coas familias que pasan dificultades, entendería a necesidade de mudar as condicións de acceso, para que se gastase o conxunto do crédito dedicado evitando deixar fora xente que precise estas axudas“ declarou Antón Sánchez.

Ante a falla de vontade e compromiso da Xunta de Galicia, En Marea propón para os vindeiros orzamentos unha achega de 10 millóns de euros para elaborar un plan de erradicación da pobreza enerxética. Pero ante a necesidade de dar solución ás solucións que non poden pagar o recibo da luz ou do gas a día de hoxe, En Marea insta ao Goberno a mudar a orde de xeito que chegue a todas as familias que se atopan en situación de pobreza enerxética.

Así, a proposición non de lei rexistrada por En Marea para o seu debate en pleno, o grupo parlamentario insta á Xunta de Galicia:

  1. Modificar a orde do 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica e de gas ás persoas economicamente máis vulnerables, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 na Comunidade Autónoma de Galicia (código do procedemento IN414D) de forma que se flexibilicen as condicións de acceso a axuda, mediante o incremento do ingresos máximos por unidade familiar, así como a contiá máxima que debe pasar dos 200€ actuais, a cando menos, o total das facturas que se pretenden cubrir.
  1. Realizar as medidas orzamentarias necesarias para incrementar de forma substancial os 400.000€ destinados a este fin.