En Marea advirte que Villar Mir conseguirá un pelotazo en Ferroatlántica coa complicidade de Feijóo

O grupo de traballo de En Marea estuda a situación económica e legal das centrais.
Publicado por o día 12/05/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea advirte que Villar Mir conseguirá un pelotazo en Ferroatlántica coa complicidade de Feijóo

En Marea reuniu de maneira urxente ao seu grupo de traballo sobre Ferroatlántica  para debater a situación na que pode quedar a comarca se a Xunta de Galicia concede a Ferroglobe o permiso para segregar as centrais hidroeléctricas da planta de ferroaleación. Para En Marea a reclamación actual da empresa de que se permita a segregación significa que Ferroglobe ten a intención de vender as dúas centrais e obter un novo pelotazo coa complicidade do presidente da Xunta quen, a pesar de ter repetido en sede parlamentaria que non habería segregación, responderá as peticións de Villar Mir, empresario investigado na operación Lezo por financiación ilegal do Partido Popular.

Para En Marea, os supostos planos industriais que aduce Ferroglobe son unha cortina de fume para conseguir a aprobación de segregación, vender as dúas centrais e co diñeiro obtido en Galicia afrontar outros negocios fóra. Todo co consentimento da Xunta de Galicia e do seu presidente, atendendo a intereses particulares dun empresario investigado por financiación ilegal do seu partido en lugar de atender ao interese xeral de Cee e dos recursos de Galicia.