En Marea advirte á Xunta de Galicia que unha vez máis “non está a facer ben as contas” e propón un incremento de 2.600 millóns de euros para recuperar o nivel de gasto público anterior a crise

O voceiro advirte que as previsións do Goberno galego deixan fora o novo sistema de financiamento autonómico o que obrigaría a unha nova modificación do orzamento o vindeiro ano ao non ter feito ben os cálculos como aconteceu xa co orzamento anterior.
Publicado por o día 31/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea advirte á Xunta de Galicia que unha vez máis “non está a facer ben as contas” e propón un incremento de 2.600 millóns de euros para recuperar o nivel de gasto público anterior a crise

O voceiro de En Marea, Luís Villares, anunciou o voto en contra do seu grupo ao teito de gasto marcado pola Xunta de Galicia e que se levará ao pleno da Cámara mañá martes. Para En Marea estamos ante un elemento máis da “arquitectura da austeridade imposta pola Troika e o artigo 135 da Constitución” como denunciou o voceiro de En Marea que asegurou que non estamos ante unha cuestión de economía senón de ideoloxía xa que non se trata de equilibrar as contas senón de reducir a toda costa o gasto público”.

Así, o grupo de En Marea defende que o teito de gasto e a regra de gasto son dúas normas baseadas practicamente na súa exclusividade en prexuízos ideolóxicos e políticos e cunha forte carencia de racionalidade económica. Un prexuízos que están a condenar aos territorios do sur de Europa a un círculo vicioso, e que nos mantén nun esquema económico que nos condena a unha especialización produtiva baseada en servizos de baixo valor engadido, coas súas correspondentes consecuencias sociais e económicas.

Contrariamente ao que está a facer o Partido Popular, o grupo de En Marea entende que as contas se teñen que facer exactamente ao revés do que se están a facer. O primeiro que se debe contabilizar é cal é a contía que se precisa para atender as necesidades da cidadanía e despois elaborar unha estratexia fiscal para que as contas cadren desde o punto de vista do ingreso, non do gasto.

“Seguimos na dinámica da austeridade” afirmou o voceiro de En Marea e como demostra que o Goberno marcara como teito de gasto o 2,8 por cento cando o incremento do PIB nominal está previsto para máis do 5 por cento. “Estamos no quinto ano da fase alcista do ciclo económico e o teito de gasto segue a ser inferior ás propias previsións do PIB” incidiu Villares.

Por todo isto, En Marea propón recuperar o nivel de gasto público anterior a crise, incluso dentro da legalidade marcada polo artigo 135. Isto implicaría que os orzamentos da Xunta de Galicia deberían contar con 2.600 millóns de euros máis e que anualmente debería medrar 700 millóns acorde coa fase alcista na que estamos. Con este incremento “poderíase recuperar non máis senón nivel de dereitos sociais que había en 2008”.

O voceiro de En Marea referiuse tamén ao feito de que estamos no ano de negociación dun novo sistema de financiamento autonómico que entrará en vigor para o vindeiro ano pero a Xunta de Galicia non tivo en conta este feito á hora de establecer as súas previsións. “Isto quere dicir ou ben que o Goberno galego non tivo en conta o novo sistema de financiamento ou si o fixo pero recoñece que non vai ter incidencia nas nosas contas o que sería totalmente desastroso” declarou Villares. Desde o primeiro momento En Marea reclamou un sistema que atendese con suficiencia de medios ás necesidades de financiamento que temos como país, algo que semella non vai suceder tendo en conta as previsións que fai o PP en Galicia no relativo ao sistema de financiamento autonómico.

Non ter en conta este sistema as contas para 2018 non serían realistas e obrigaría a modificar os orzamentos o vindeiro ano, como xa aconteceu recentemente como consecuencia da falla de previsión do Goberno galego e que fora xa advertido polo grupo de En Marea na tramitación dos orzamentos e que levaron á modificación de 230 millóns de euros.

“O único atasco da AP-9 é o veto do PP en Madrid ao traspaso”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, referiuse tamén a visita do ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, para tratar os atascos da AP-9. “O único atasco que hai na AP-9 é o veto que pon o PP en Madrid a transferencia ao noso país” advertiu.

Unha visita na que vaticinou “volveremos ver a un presidente da Xunta de Galicia convertido en delegado do Goberno e que como tal limítase a recibir ordes de Madrid”. “Anterior visita de De la Serna foi para dicir que os prazos do AVE nada de nada, a seguinte cando foi Feijóo para dicir que da transferencia da AP-9 nada. De que lle sirve a Galicia ter un presidente en maioría” declarou Villares.

Os veciños e veciñas de Oroso están protestando porque a apertura do último tramo da autopista entre Oroso e Santiago ábrese cunha peaxe de 1,60 euros. Unha vez máis estanse a pisar os dereitos da cidadanía que lonxe de ver que se está a xestionar de xeito coherente e en beneficio da veciñanza o que se fai e cargar unha vez máis contra á cidadanía.