En Marea afirma que Feijóo dá por rematada a crise económica pero non permite o carácter social dos orzamentos para 2018

Luís Villares: “Non nos resignamos e propoñemos ampliar o gasto en 500 millóns para loitar contra a pobreza e recuperar o emprego”.
Por o 23/10/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
En Marea afirma que Feijóo dá por rematada a crise económica pero non permite o carácter social dos orzamentos para 2018

O Orzamento da Xunta para 2018 supón unha barreira máis de cara a solucionar os principais problemas da cidadanía e pon en entredito o discurso da recuperación económica promovido pola Xunta. Así valoraron esta mañá o voceiro de En Marea Luís Villares e mailo voceiro de Economía no Parlamento Manuel Lago as contas presentadas na Cámara o venres pasado.

Para Luís Villares “os orzamentos da incompetencia e do abandono xa están aquí, a mesma incapacidade e abandono que demostraron na xestión dos lumes”. Tamén cuestionou duramente que a Xunta renuncie a aplicar a fase alcista do ciclo para darlle a volta aos recortes dos últimos anos, pois as contas que presenta medran moi por baixo do crecemento da economía.

Ademais, “rexeitamos uns orzamentos”, dixo, “que non lle serven á mocidade, nin ás persoas desempregadas, nin aquelas que están en risco de pobreza e as que cobran por debaixo do salario mínimo” cos que o PP renuncia a intervir para lograr maiores cotas de benestar e progreso social.

Pola súa banda, Manuel Lago pregúntase por que “temos que vivir peor” se no ano 2018 o nivel de PIB de Galicia vai ser o máis alto da historia. “Por que se o nivel de PIB xa é superior o de 2009 o orzamento da Xunta é un 22% máis baixo en termos reais, é dicir, temos un 22% menos de recursos para financiar servizos, prestacións públicas e investimentos?”, inqueriu o parlamentario de En Marea.

Ademais, cualificou os orzamentos da Xunta para 2018 de “decepcionantes, restritivos, antisociais e continuistas”, pois renuncian a aproveitar a fase alcista do ciclo para empezar a darlle a volta aos recortes e a cifra na que se incrementan é tan pequena que “habería que agardar ata 2030 para recuperar o nivel de gasto en termos reais”.

Tampouco contempla “medidas para axudar aos 201.400 desempregados, aos 700.000 que están en risco de pobreza ou exclusión social, aos 300.000 asalariados que non chegan ao salario mínimo, para o medio millón de pensionistas que cobran menos de 700 euros”.

Alternativa En Marea

Finalmente o voceiro de En Marea Luís Villares sinalou que “En Marea non se resigna” presentou a alternativa aos orzamentos, na que se plantexa un incremento de 500 millóns de euros para facer fronte aos retos existentes. “de xeito semellante a como fixemos o ano pasado e despois a realidade nos deu a razón”.

Con estes recursos En Marea propón financiar programas e propostas de urxencia para desenvolver unha renda social contra a pobreza extrema (1), un programa contra a pobreza enerxética (2) e dotar de recursos necesarios para levar adiante unha ambiciosa política de emprego que nos permita recuperar o peso perdido na poboación ocupada dende o ano 2009(3).

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.