En Marea apoia as manifestacions convocadas polo movemento feminista galego

Publicado por o día 07/09/2017 na sección de En Marea,Política,Protestas

En Marea apoia as manifestacions convocadas polo movemento feminista galego

Desde a área de feminismo de En Marea apoian as manifestacións convocadas para o 9 de setembro, en multitude de localidades do país, para amosar o seu apoio e sororidade ante casos coma o de Juana Rivas, casos nos que afirman que persiste un trasfondo común “a violencia machista”.

En múltiples ocasións se ten sinalado que o alcance da violencia machista non remata na muller agredida ou asasinada, iso é so a punta do iceberg: as crianzas son tamén vítimas da violencia machista. Violencia directa e indirecta: ben por ser elas as agredidas ou ben porque se agrede á súa nai, á súa avoa, etc. “Os maltratadores NON son bos pais, xa que quen maltrata agrede, non educa”.

“Non se pode deixar de loitar, de denunciar, de educar, de saír ás rúas para reivindicar polas nosas vidas, polos nosos dereitos, ata rematar pra sempre e en tódolos ámbitos coa violencia machista. É esencial erradicar o sistema patriarcal instalado non so na sociedade, senón tamén nas institucións, a xustiza incluída, que se apliquen políticas de prevención efectivas, que se destinen medios e recursos contra o terrorismo machista”.

Por estes e moitos máis motivos, desde a área de feminismo de En Marea emprazan á tódalas persoas a acudir as manifestacións que se celebrarán o sábado, 9 de setembro, ás 19:00h, que en Galiza terán lugar na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribeira e Vigo, baixo o lema “UN MALTRATADOR NON É UN BO PAI”