En Marea apoia as reivindicacións dos comuneiros de Cabral para impedir a venda do monte de Liñeiriños para un macrocomplexo comercial

En Marea levará ao Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei para que os terreos dese monte non poidan ter uso comercial ou residencial
Por o 29/03/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
En Marea apoia as reivindicacións dos comuneiros de Cabral para impedir a venda do monte de Liñeiriños para un macrocomplexo comercial

Os comuneiros dos montes de Cabral mantiveron unha reunión cos deputados no Parlamento de Galicia e cos concelleiros do grupo de Marea Vigo no Concello de Vigo. Na reunión, celebrada no parque do Monte de Cabral no día de onte, os comuneiros manifestaron a situación na que se encontran ao non ser escoitados por ningunha das administracións ás que quixeron explicarlles por que non queren que o monte se venda.

O centenar longo de comuneiros que participaron no encontro cos intengrantes de En Marea, explicaron que desde hai anos a súa intención é que o monte non sexa vendido ao fondo de inversión e que se manteña como está. Pola súa banda, Rubén Pérez Correa, voceiro de Marea Vigo, sinalou que as propostas que estaba realizando o fondo de inversión que quere construír o macro complexo son claramente esaxeradas “din que xenerará 5.000 empregos, pero iso suporía ofrecer máis empregos que os que ten Citroën agora mesmo”.

Para o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, “hai que agradecer a loita dos comuneiros polo monte porque pelexan polo seu e tamén polo noso”. Sinalou que En Marea levará ao Parlamento de Galicia unha PNL porque os outros grupos políticos terán que aclarar se están “a favor da venda ou non do monte e se prefiren o monte de todos ou un negocio para unha empresa”.

No encontro, participaron Luís Villares, Carmen Santos, Antón Sanchéz, Juan Merlo, do grupo parlamentario e Rubén Sánchez Correa, Xosé Lois Jácome e Margarita López Barreiro, do grupo municipal Marea Vigo.

Fotos