En Marea aposta por facer “borrón e conta nova” co PXOM de Vigo

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, e os concelleiros de Marea de Vigo, Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome, denunciaron en rolda de prensa a nova improvisación pensada unicamente en satisfacer os intereses dos especuladores.
Publicado por o día 23/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea aposta por facer “borrón e conta nova” co PXOM de Vigo

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, e os concelleiros de Marea de Vigo, Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome, denunciaron esta mañá a nova improvisación que se pretende levar a cabo no relativo ao plan de ordenación territorial de Vigo con modificacións por parte da Xunta de Galicia na lei de Solo que afectarían igualmente ao resto do país. O portavoz de En Marea, Antón Sánchez, denunciou na súa intervención que “todas as sentencias xudiciais que anulan PXOM son a consecuencia retardada duns anos nos que se quixo desenvolver un modelo urbanístico especulativo fronte unhas leis con directivas europeas que apostaban polo aproveitamento racional dos espazos públicos e cuns políticos con nomes e apelidos pensaron que se podería consolidar unha realidade a pesar de que as leis eran claras“.

En Marea explicou o que propón é “borrón e conta nova“ e comezar un modelo de ordenación do territorio baseado na planificación. “Lamentablemente para o que si se poñen de acordo o PSOE e PP é para seguir coa continua improvisación e aposta por un modelo de especulación urbanística e dun xeito moi especial: Primeiro imos a feitos consumados e despois temos que redactar o plan para legalizar o xa feito“ denunciou o viceportavoz de En Marea que engadiu que “isto faise sen planificación pública e sen a xente pero ben planificado cos axentes inmobiliarios, en despachos“.

Así mesmo, alertou de que o que se pretende agora é “meter pola porta de atrás“ sen transparencia e debate unha serie de medidas de ordenación urbanística provisionais aprobadas dentro dunha Lei de acompañamento aos orzamentos de Galicia que modifica de xeito escandaloso 21 textos lexislativos, precisamente para evitar o debate e a reflexión pública. Sánchez salientou ademais que isto sucede despois da aprobación hai 10 meses da Lei de Solo de Galicia que ten xa dúas modificacións de facto e que demostra o “xeito chafalleiro de facer as cousas da Xunta“.

Para o grupo parlamentario de En Marea o que se pretende é eludir as sentenzas para o que se pretende coller o plan xa aprobado e modificar as partes que fan referencia ás sentenza. “Desenvolver ámbitos concretos e non un PXOM real e pensado por toda á cidadanía que sexa de futuro e pense nos problemas da xente“ dixo Sánchez. “O país precisa unha planificación de país, tamén Vigo, e lamentamos que o PP e PSOE sempre se poñan de acordo para defender os dereitos dos poderosos por enriba da xente“ concluíu.

O concelleiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, trasladou a preocupación do seu grupo no Concello de Vigo tras preguntar en pleno sobre o que se tiña previsto facer en relación a ordenación urbanística provisional e que como resposta obtiveron unha nova improvisación. “O que buscan é obviar a realidade que é que hai un plan xeral anulado e a única alternativa a redacción dun novo“ afirmou.

“Se desenvolvemos pequenas illas urbanísticas do antigo plan, o novo plan quedará condicionado totalmente por esa realidade“ advertiu o concelleiro de Marea de Vigo que asegurou que “non se entende porque se teima en desenvolver determinados ámbitos unicamente por interese inmobiliario ou empresarial e non do conxunto da cidade“.

“Non hai atallos para redactar un novo plan xeral, os que hai volverán a xerar inseguridade xurídica e porán en risco o urbanismo de Vigo. Hai que asumir dunha vez por todas que é preciso cambiar o modelo urbanístico desta cidade, en consenso co movemento veciñal e o tecido social“ sentenciou Rubén Pérez.