EN MAREA aposta por rematar coa precariedade laboral na Sanidade Pública

Candidatas de Pontevedra visitaron o centro de saúde de Lalín para coñecer de preto as súas deficiencias e necesidades, comúns á maioría dos centros de atención primaria de Galicia.
Publicado por o día 13/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Vigo

EN MAREA aposta por rematar coa precariedade laboral na Sanidade Pública

Esta mañá representantes da candidatura de En Marea visitaron o Centro de Saúde de Lalín para coñecer de preto as deficiencias do centro sanitario, deficiencias coas que se atopan a maioría dos centros pertencentes á rede sanitaria pública galega.

Na rolda de prensa posterior a esta visita, a deputada e candidata de En Marea, Eva Solla, manifestou que a situación de abandono que vive a día de hoxe o centro de saúde de Lalín “é un paradigma da política sanitaria do PP”, que ao longo das dúas últimas lexislaturas levou a cabo un forte recorte de profesionais, tanto na atención primaria como nos especialistas, “con  1800 traballadoras e traballadores menos, unha situación que só pode redundar nunha peor calidade da asistencia sanitaria”.

A candidata número 3 pola provincia de Pontevedra destacou que desde En Marea “entendemos que o alicerce básico son os profesionais que atenden a nosa saúde, e hai que rematar coa precariedade que se está a vivir nos últimos anos”. Solla salientou que En Marea “ten previsto un plan de recursos humanos para rematar con esa precariedade, que inclúe xerar novas prazas públicas que poidan suplir  os recortes dos últimos anos, como suplir as baixas comunicadas e as xubilacións do persoal sanitario”.
Finalmente, Eva Solla manifestou que era “necesaria a implementación dunha mellora na atención primaria e que iso pasa pola recuperación das propias xerencias de atención primaria para que poidan ter capacidade resolutiva”.

As carencias de material severas que se perciben en centros de saúde como o de Lalín poñen de manifesto, segundo verbas de Eva Solla, “o mal xestor que foi o señor Feijóo no eido da sanidade, é dicir, o Partido Popular só serviu para deteriorar a sanidade pública, cun único obxectivo, a súa privatización”.

Neste mesmo sentido se manifestou a candidata Paula Quinteiro, número 5 por Pontevedra, que sinalou o total rexeitamento de En Marea ás políticas privatizadoras do PP, destacando que “o Goberno Galego non pode permanecer alleo ao clamor popular dunha sanidade pública e de calidade”.

Paula Quinteiro sinalou, así mesmo, que unha das principais obxectivos de En Marea en materia sanitaria será a reversión de todas as privatizacións realizadas no Sergas nos últimos anos, elaborando unha auditoría para analizar a situación na que que se atopa a sanidade galega na actualidade.
Finalmente, o candidato Manuel Moreiras destacou a importancia de reforzar a atención primaria, xa que ademais da súa función asistencial, ten unha función de vertebrar o territorio, de achegar os servicios á cidadanía.