En Marea contra as violencias machistas

Publicado por o día 28/07/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea contra as violencias machistas

Nos últimos días son varias as novas publicadas en diferentes medios sobre casos que, dun ou doutro xeito, teñen un trasfondo común: a violencia machista nas súas múltiples manifestacións, motivo polo cal a área de feminismo de En Marea posicionase, unha vez máis, contra calquera tipo de violencia machista.

Desde a area de feminismo de En Marea sinalan que a expresión máis atroz da violencia machista son os asasinatos, pero son so a punta do iceberg: hai moitas condutas, accións, omisións, etc, etc. que tamén son violencia machista.

Nos últimos 15 anos, 885 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas. O ano pasado, os xulgados galegos recibiron 5683 denuncias por violencia machista. Raro é o día que non hai unha nova sobre algunha agresión, ameaza, vulneración de dereitos… cara as mulleres. Está claro: o machismo mata.
O 24 de xullo unha moza de 21 anos era acoitelada en múltiples ocasións (entre 15 e 20 veces) pola súa exparella en Santiago de Compostela, a plena luz do día e nunha data festiva onde a cidade estaba moi concorrida de xente.

A dramática situación de Juana Rivas, en paradoiro descoñecido tras negarse a entregarlle ás súas crianzas ao home que a maltratou (e que xa foi condenado por un delito de lesións no ámbito familiar no ano 2009) é outro exemplo.

As crianzas tamén son vítimas da violencia machista, xa que a sofren tanto directa como indirectamente, mais en moitos casos, tomanse decisións que deixan aos fillos/as de mulleres vítimas de violencia machista nunha situación de desprotección, vulnerando os seus dereitos, xa que, nos casos de violencia machista, debe primar o interese superior do/a menor, afastandoo/a, nestes casos de quen agrede á súa nai. Cada vez que se agrede á nai dunha crianza esta tamén é agredida.

Son estes un par de casos concretos, como moitos mais que son vividos por moitas mulleres, xa que o machismo non entende de idades, orixes, situación económica, social, institucións, etc. A violencia machista, dun ou doutro xeito, asexanos a todas, pero non debemos rendernos nin ser indiferentes ante o machismo. A sociedade en xeral debe falar, superar os silencios cómplices, denunciar, arroupar….

Desde a área de feminismo de En Marea criticase a falta de eficacia das políticas de prevención contra as violencias machistas, ao carecer en moitas ocasións dos medios e recursos precisos para facerlle fronte e apostase, entre outros aspectos, polo desenvolvemento de políticas transversais en tódolos ámbitos da sociedade.