En Marea asegura que o desemprego continúa a ser o principal problema de Galicia e o fracaso do goberno de Feijóo

Galicia perdeu 13.000 empregos en xaneiro segundo a Seguridade Social e rexistrou un aumento de 6.000 inscritos no SEPE.
Publicado por o día 02/02/2017 na sección de Emprego,En Marea,Política,Vigo

En Marea asegura que o desemprego continúa a ser o principal problema de Galicia e o fracaso do goberno de Feijóo

Ante os últimos datos do paro coñecidos, o grupo de En Marea lamenta que o paro continúe a ser o principal problema de Galicia e o fracaso definitivo do Goberno de Núñez Feijóo. O deputado do grupo parlamentario Manuel Lago explicou que os datos demostran que o noso país depende da estacionalidade para aliviar os malos datos e cando acaba decembro o paro volve subir, e sube por riba da media española, concretamente máis do dobre situándose a media española no 1,55 mentres que Galicia chegou ata o 2,99. Así, Galicia pasou dos 205.914 parados a 212.078 no pasado mes de xaneiro, 6.164 máis.

Destaca o liderado de Galicia no relativo a precariedade laboral en relación ao resto do Estado xa que só o 5 por cento dos contratos asinados no pasado mes de xaneiro foron indefinidos mentres que o 95 por cento restante foron temporais ou a xornada parcial. Tamén os datos da afiliación á Seguridade Social amosan que en xaneiro destruíronse arredor de 13.000 empregos, o que é unha cifra que pon a Galicia entre as máis afectadas pola suba do paro. O dato contrasta, ademais, co número de persoas inscritas no SEPE, que ronda as 6.000 o que quere dicir que “moitas persoas xa non se inscriben no SEPE (antigo INEM) porque o consideran inoperante“ tal e como sinalou Manuel Lago. “Isto significa que a taxa de cobertura aos galegos desempregados é a máis baixa da nosa historia, só o 53 por cento dos galegos que non teñen traballo contan con algún tipo de cobertura, o resto non ten nin prestacións contributivas nin asistenciais“ aclarou Lago.

Desde En Marea no Congreso dos Deputados, a deputada Yolanda Díaz, destacou a negritude do panorama que nos deixan as políticas do PP. “Temos unhas políticas por parte do PP e do señor Feijóo ausentes no que atinxe a mudar as condicións de vida“ afirmou Yolanda Díaz. Ante estes datos asegurou “só queda que o PP mude as súas políticas“ e apelou a que “o señor Feijóo e Conde traballen de maneira seria para xerar investimento público para crear emprego de calidade e definir un plan de emprego estratéxico que permita incorporar á xente moza e parados de longa duración que non teñen máis saída que fuxir de Galiza para poder emprender unha vida digna“.