En Marea asegura que a “economía galega está hoxe de loito” tras a desaparición do Banco Pastor

O deputado no Parlamento, Manuel Lago, e a deputada no Congreso, Yolanda Díaz, denunciaron o silencio cómplice do presidente Feijóo e do ministro de Guindos.
Publicado por o día 08/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea asegura que a “economía galega está hoxe de loito” tras a desaparición do Banco Pastor

En Marea denunciou esta mañá “o novo espolio no que unha vez máis gaña a Banca e perden os traballadores e traballadoras, Galicia e a súa cidadanía, a posibilidade de desenvolvemento económico do noso país”, aseguraron a deputada no Congreso, Yolanda Díaz, e o deputado no Parlamento de Galicia, Manuel Lago.

“A situación é dramática. Perdimos o que durante décadas e décadas acumulamos para o noso patrimonio no noso país e que serviu para financiar o desenvolvemento industrial e económico galego e que agora desaparece” denunciou Lago, que asegurou que “hoxe a economía galega está máis débil que onte”.

A venda do Banco Pastor trae como consecuencia que o sistema financeiro galego pase a estar en mans de dúas entidades, Abanca e Banco Santander, algo inusual nun país democrático e moderno. Lago puxo o exemplo de Alemania onde os cinco principais bancos acumulan unha cota do 31 por cento fronte ao 80 por cento que teñen estas dúas entidades en Galicia.

Outra das consecuencias directas sinaladas por Manuel Lago e Yolanda Díaz fai referencia ao despedimento de centos de traballadores/as que se van producir, “unha das primeiras graves consecuencias desta absorción” ao que se suma o peche de oficinas onde unha vez máis as vilas e poboacións máis pequenas serán as máis afectadas co incremento importantísimo da exclusión financeira dunha grande parte da sociedade galega.

Así mesmo, está en xogo a supervivencia da Fundación Barrié de la Maza, que como sinalaron os deputados de En Marea “ten xogado un papel importante no noso país e agora está en grave risco”.

Esta operación pon en cuestión radicalmente os mecanismos de control financeiro do noso país. “Como é posible que unha entidade superara a proba de resistencia en situacións de crise e seis meses despois teña que ser liquidada por ter un patrimonio negativo? Cal foi o papel dos inversionistas a baixa que especularon contra o valor do banco? Onde estaba Luís de Guindos mentres tanto? traballando para o Banco Santander directamente? Onde estaba Feijóo e o conselleiro de Economía?” preguntouse Manuel Lago.

“Esta é unha historia dun espolio, dun problema económico gravísimo que debilita a economía, que vai provocar despedimentos e peches de oficinas, que reforza o oligopolio da Banca e nos fai máis débiles porque nos deixa en mans de dúas entidades” incidiu Lago e Díaz, e asegurou que este proceso tivo lugar “coa complicidade e o silencio do poder político e dos supostos órganos reguladores”.

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, insistiu en que “hoxe é un día de loito para Galicia” e referiuse á iniciativa que o seu grupo ven de rexistrar no Congreso para pedir información e na defensa do que vai quedar do Banco Pastor e a Fundación Barrié.

“Hoxe Galicia queda liquidada, xa non ten un sistema financeiro grazas ás políticas do Partido Popular pero especialmente do señor Feijóo” afirmou Díaz que denunciou o silencio do presidente da Xunta de Galicia. Así mesmo, salientou que En Marea solicitará información sobre o papel de Feijóo durante todo este tempo, no que xa se sabía do risco da supervivencia do Banco Pastor.

Yolanda Díaz lembrou a comparecencia do Ministro de Guindos hai escasos días no Congreso onde foi preguntado pola situación destas entidades e respondeu con absoluta tranquilidade que non corría ningún risco. Días despois coñecíase a información da venda da mesma e a súa desaparición. “En Marea esixirá na comparecencia do Ministro e pedirá responsabilidades sobre as súas declaracións e sobre a información que tiña e non quixo dar” anunciou Díaz.

En Marea insta ao Goberno a través dunha PNL a adoptar “todas as medidas necesarias para que este proceso de compra e absoorción non requira de ningunha aportación financeira de fondos públicos en forma de axudas ou recoñecemendo de obrigas”.

Ademais, piden que se adopten todas as medidas precisas para garantir os postos de traballo e evitar que se pechen oficinas bancarias do Pastor naqueles municipios galegos “con insuficiencia de servizos bancarios”.

Esta iniciativa tamén insta ao Goberno a “esclarecer as responsabilidades de calquer tipo nas que se poideron incorrer os equipos directivos das entidades”.

“O mantemento dos postos de traballo,das oficinas no rural sobre todo, a pervivencia da Fundación Barrié e a depuración de responsabilidad, son para En Marea cuestións fundamentais e que tanto o grupo no Congreso como no Parlamento esixirán aos respectivos gobernos do PP”, insistiu a deputada Yolanda Díaz.