En Marea asegura que o plan de Feijóo para o rural galego “é a consolidación do seu abandono e lograr o seu exterminio”

O grupo parlamentario esixirá explicacións ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no pleno pola súa decisión “oscurantista” e contraria a toda a comunidade educativa de pechar varios centros educativos en As Pontes, Serra de Outes, Porriño e Ribadavia.
Publicado por o día 26/06/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea asegura que o plan de Feijóo para o rural galego “é a consolidación do seu abandono e lograr o seu exterminio”

O grupo parlamentario de En Marea esixirá ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que explique ante o pleno da Cámara os motivos que o levaron a anunciar o peche dos centros de ensino de Ribadavia, As Pontes, Serra de Outes e O Porriño en contra de toda a comunidade educativa e esperando ao último día do curso escolar. O voceiro de En Marea, Luís Villares, acompañado das deputadas responsables de Educación do grupo parlamentario de En Marea, Luca Chao e Ánxeles Cuña, denunciaron o que cualificaron de ´plan maquiavélico` do conselleiro e do Goberno Feijóo centrado en continuar afondando nas políticas de recortes e abandono do rural. O xeito de anunciar o peche destes centros, por decreto e sen información algunha aos afectados, é para Ánxeles Cuña unha actuación inxustificable e máis tendo en conta que estamos a falar de centros con alumnado suficiente para continuar aberto. “Non se entende o xeito de proceder do conselleiro se non é desde este punto oscurantista que ten demostrado e que abrangue incluso aos propios votantes e representantes do Partido Popular noestes concellos” asegurou Cuña.

A deputada Luca Chao pola súa banda quixo facer público o apoio de En Marea a todas as concentracións organizadas contra este anuncio de peche e criticou que o conselleiro “acudise ao pleno a pasada semana para dar conta das novidades do seu departamento para o vindeiro curso e esquecese falar destes peches”. Pero En Marea non só aproveitou para manifestar o seu apoio ás demandas da comunidade educativa senón que presentou a súa proposta de actuación orientada a reverter a situación de abandono e ataque ás condicións de vida no rural. Neste sentido, Luca Chao salientou catro liñas fundamentais dentro desta proposta de En Marea en materia educativa que pasarían en primeiro lugar por levar a cabo unha previsión de alumnado a tres anos vista xa que “non ten sentido pechar un centro porque un ano non se acade o número suficiente de alumnado xa que ao ano seguinte pódese dar a circunstancia de que medre” explicou a deputada de En Marea.

Outra das liñas centrais da proposta de En Marea inclúe a redución das ratios baixando ata 3 alumnos algo que salientou Luca Chao “non é nada novidoso senón que se está a facer xa noutras partes do Estado”. Garantir os especialistas nos centros públicos rurais, e a elaboración dun plan específico de formación para mestres no rural acompañado dun plan de estabilización destes profesores e profesoras, completan a proposta de En Marea.

Un conselleiro que actúa de costas á cidadanía non pode ter a súa confianza

O voceiro de En Marea, Luís Villares, insistiu na petición de dimisión formulada polo seu grupo ao conselleiro de Educación “Un conselleiro que non conta cos servizos técnicos da Consellería, que actúa de costas á comunidade educativa e a propia cidadanía, e nin tan sequera fala cos seus propios militantes, non merece confianza e polo tanto debe dimitir” afirmou Villares.

O voceiro sinalou que se o conselleiro considera realmente que estas medidas son razoables “porque non se compartiron coa comunidade educativa antes e opta por actuar despois, porque non se recibe aos equipos directivos dos centros, porque se espera ao último día do curso cando xa non hai actividade nos centros, porque se fai con esta aleivosía”.

Villares recoñeceu que é certo que o Partido Popular ten un plan para o rural como anunciou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ao arranque da lexislatura o problema é que o seu plan é “a consolidación do abandono do noso rural por parte do Goberno galego, hai un plan pero en contra do medio rural do noso país”. Fronte a isto, a cidadanía está a demostrar unha vez máis que “existe un pobo consciente que non se vai render e non vai permitir que Feijóo converta todo o noso país nun gran eucaliptal que o sepulte en silencio e lume”. O voceiro de En Marea destacou que os propios representantes do Partido Popular nos concellos afectados polos peches manifestaron públicamente sentir vergoña de pertencer ao PP polo acontecido. “O PP avergoña aos seus votantes, e aos seus propios cargos públicos” asegurou.

Fronte á actuación da Xunta, o voceiro de En Marea defendeu que Galicia ten a posibilidade de frear a situación actual pero “é preciso crear oportunidades e isto pasa por crear servizos públicos no rural e manter os existentes, é dicir todo o contrario do que está a facer o Goberno Feijóo, para o que fai falla vontade e compromiso real por parte do Goberno galego”.