En Marea busca estratexias conxuntas para defender os dereitos dos transexuais

Publicado por o día 21/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea busca estratexias conxuntas para defender os dereitos dos transexuais

– “Chámome Hugo e no meu DNI pon que son unha muller”. Así comezan as presentacións nunha xuntanza coa Asociación de Familias de Menores Transexuais Arelas. O colectivo reclama con urxencia unha modificación na lei 3/2007 de 15 de marzo reguladora da rectificación rexistral da mencion relativa ao sexo das persoas. A norma esixe ser maior de idade para solicitar unha rectificación do sexo e iso deixa aos menores nunha situación de indefensión e, en moitas ocasións, de humillación pública.

Tamén piden a eliminación de dous requisitos esixidos para o cambio. O primeiro é acreditar con informes médicos a ausencia de trastornos da personalidade, algo que, na súa opinión “patoloxiza” a identidade sexual. A outra esixencia polémica é que a persoa afectada fose tratada durante polo menos dous anos para acomodar as súas características físicas ao sexo demandado. Algunhas persoas non toleran este tipo de tratamento tanto tempo e outras, simplemente, cren que ninguén debería ter que agardar tanto tempo para que o seu DNI reflexe quen é en realidade. Todas estas eivas da lei son tamén unha carga pesada para os que xa cumpriron os 18 anos. A Arelas preocúpalle que a discriminación comeza cedo e non para cando chega a idade adulta.

No ámbito sanitario reclaman que os rapaces transexuais non sexan obrigados a someterse a tratamento, exame psicolóxico ou psiquiátrico. “A algúns nenos o psiquiatra estaos tratando durante anos con antipsicóticos só porque din que son transexuais”, di unha nai. Reclaman por iso formación específica sobre a transexualidade no ámbito sanitario. E alertan sobre a creación de unidades específicas de atención sanitaria en materia de transexualidade. Cren que deben ser de utilización voluntaria porque, de seren obrigatorias, estaríase privando aos transexuais do dereito á libre elección de médico. A celeridade e a formación no sistema sanitario é especialmente importante para os menores de idade.

Arelas reclama rapidez no diagnóstico e nas probas xenéticas e a administración a todos os menores que o demanden de bloqueadores no inicio da puberdade independentemente da súa idade. Tamén piden o inicio do tratamento de hormonas cruzadas a partir dos 16 anos e que tanto a reconstrución xenital como a terapia hormonal se inclúan dentro da carteira de servizos da sanidade pública.

Xa no ámbito educativo, a asociación ve imprescindible incluir a realidade transexual de forma expresa nos currículos educativos en primaria, secundaria e universidade. Tamén formar os profesores, facer un protocolo educativo para garantir a igualdade de xénero e que se promulgue unha lei integral sobre transexualidade estatal que inclúa os menores e combata a transfobia e a discriminación sexual.

PRENSA EN MAREA