En Marea busca no Parlamento galego un compromiso para que o Congreso investigue o accidente de Angrois

O grupo parlamentario mantén a demanda dunha comisión de investigación na Cámara galega.
Publicado por o día 21/04/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea busca no Parlamento galego un compromiso para que o Congreso investigue o accidente de Angrois

O vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez rexistrou esta mañá unha iniciativa na Cámara galega co obxectivo de que a Xunta inste ó Congreso dos Deputados a “solicitude de que se constitúa unha Comisión de Investigación parlamentaria sobre as causas do accidente ferroviario acontecido en Angrois-Santiago o pasado 24 de xullo, así como sobre as condicións de seguridade na rede ferroviaria de alta velocidade.”

Logo da reapertura da investigación, a imputación do director de Seguridade na Circulación de Adif  e as dúbidas razoables sobre supostos erros no sistema de seguridade, En  Marea considera que ademais de ser imprescindible unha investigación no Parlamento de Galicia, pois foi aquí onde ocorreu a traxedia, esta Cámara debe pronunciarse esixindo tamén que se investigue no Congreso dos Deputados.

Para En Marea o feito de que o Parlamento de Castela e León se convertese esta semana no primeiro en solicitarlle ao Congreso esta investigación cos votos a favor do PSOE “activa un desagravio histórico ás vítimas por parte do PSdeG, que votou en contra da última petición de comisión de investigación na Cámara galega alegando que as competencias están en Madrid”.

A maiores desta petición para o Congreso, En Marea mantén a esixencia dunha investigación propia no marco do Parlamento de Galicia ao enteder que “como máxima expresión e representación política do pobo galego, debe estar especialmente obrigado a investigar as causas do accidente do 24 de xullo, así como o estado xeral de seguridade da rede de alta velocidade, tanto da actualmente operativa como da prevista no futuro, sendo dito labor investigador  plenamente compatible coa que poidan e deban desenvolver tanto a administración ferroviaria (ADIF-Renfe) como a que sexa obxecto do procedemento penal en curso.”.