En Marea celebrará o Día da Galiza Mártir cunha homenaxe a Alexandre Bóveda en Pontevedra

Terá lugar o xoves 17 ás 12 horas nas escaleiras de Facenda de Pontevedra nos xardíns da Ferreira.
Publicado por o día 15/08/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política,Pontevedra

En Marea celebrará o Día da Galiza Mártir cunha homenaxe a Alexandre Bóveda en Pontevedra

O vindeiro xoves 17 de agosto En Marea celebrará o Día da Galiza Mártir cun acto en homenaxe a Alexandre Bóveda asasinado no 1936 polas tropas facciosas en Pontevedra. O acto terá lugar ás 12 horas nas escaleiras de Facenda de Pontevedra, nos xardíns da Ferreira, lugar emblemático e cargado de simbolismo, onde Alexandre traballou no deseño dunha facenda auténtica galega.

Esta homenaxe pretende servir de lembranza a aqueles demócratas e galeguistas que pagaron coa súa vida a defensa da lexitimidade democrática da República e o mantemento da dignidade do noso Pobo. Manter viva a memoria dos que morreron -e de quen os mataron- é de xustiza para poder avanzar en democracia e na defensa dos dereitos cívicos e nacionais da maioría social hoxe agredidos duramente pola estafa da crise provocada polas políticas dos gobernos español e galego ao servizo do capital financeiro.

O acto contará coa participación do voceiro de En Marea, Luís Villares, que ofrecerá un discurso e tamén coas intervencións de Luís Rei, Carlos Aymerich, e Ánxeles Cuña. Será presentado por Peque González da Marea de Pontevedra e Tatiana Cidrás interpretará ao violín unha das pezas que Bóveda cantaba na polifónica.