As candidatas de En Marea pola provincia de Pontevedra presentaron hoxe nunha comparecencia na praia de Bouzas as propostas que a formación recolle no seu programa electoral no eido da ecoloxía, a economía extractiva e a defensa das rías. Xabier Simón, responsable programático de ecoloxía, na compaña dos candidatos Carmen Santos, Eva Solla e Juan Merlo foi o conductor da presentación.
A Xunta de Galicia ten un papel fundamental, xa que ten que cambiar tanto a súa forma de comprar a enerxía como a súa forma de consumila, apostando por un consumo responsable no ámbito do transporte ou no tocante aos alimentos. “Dando exemplo seremos capaces de facer a nosa economía máis ecolóxica, deixando un país máis xusto para as xeneracións actuais e futuras”, sinalou Xabier Simón.
“En Marea asume un compromiso firme co estado das nosas rías, coa súa limpeza e a súa protección”, afirmou Carmen Santos na súa intervención, engadindo que “é vital darlles un espazo prioritario as nosas rías, para que os pescadores e mariscadores podan incrementar o froito do seu traballo neste espacio, que tamén é unha fonte de vida”. A número un pola provincia tamén se referiu á relación directa entre unhas rías limpas e o sector do turismo, e apostou por dúas medidas concretas: a inversión dos fondos europeos, “que non se están destinando de maneira íntegra ao uso que se lles aproba”, e o incremento dos orzamentos para investigación. “Dende En Marea temos a aposta firme de así facelo”, apuntou.
Eva Solla resaltou a estreita relación entre o medio ambiente e o ámbito da prevención na saúde. “Temas como o saneamento das rías, a avaliación ambiental ou cómo están os nosos montes son importantes tamén no que ten que ver coa protección da saúde”, que exemplificou aludindo ao conflicto do persoal de farmacia da Consellería de Sanidade pola falta de medios humanos e materiais para controlar o estado das augas de baño e das augas públicas. “Só un medio ambiente saudable e garantía dunha saúde plena para todos os galegos e galegas”, concluíu.
Juan Merlo, número catro pola provincia, puxo en valor a abordaxe dende unha perspectiva integral “de defensa do medio ambiente e os sectores produtivos vencellados ao mesmo”, coa finalidade de “conseguir unha Galicia máis limpa e produtiva para todas as galegas e galegos”.
Noticias de última hora en Vigo