A Marea chega a Coia / A Marea nos barrios

Publicado por o día 12/11/2014 na sección de Marea Vigo,Política

A Marea chega a Coia / A Marea nos barrios

A partir desta semana a Marea de Vigo comezará a chegar aos barrios e parroquias da nosa cidade.

Comezaremos en Coia, onde celebraremos unha marea de barrio o vindeiro sábado 15 de novembro, dende as 12 hora no Centro Comercial Coia 4 (rúa Modariz, detrás do 6 do Nadal), á que están chamadas a asistir e participar activamente todas as veciñas e veciños do barrio. O obxectivo é escoitar e tomar nota, e para iso serán as veciñas e veciños quen tomen a palabra para exporen os potenciais e as eivas do seu barrio. O obxectivo é que a xente se autoorganice e continúe afondando nos debates unha vez aberta a Marea de Coia.

Esta semana puxemos en marcha os preparativos desta primeira marea de barrio. Os diferentes grupos de traballo reman xa a barlovento e ben coordinados. O primeiro paso foi encetar unha rolda de reunións cos colectivos veciñais e sociais do barrio, e o pasado mércores estivemos coa AV Torreiro de Coia e máis coa Asociación Cultural Distrito 9. Nestes contactos informativos, e nos que teremos a vindeira semana, explicamos o proxecto da Marea de Vigo, atendemos dúbidas e suxestións sobre o proceso e convidamos a participar na marea do barrio. O seguinte será establecer postos informativos e de recolla de apoios para o manifesto.

A Marea avanza imparable, pisando terra firme e traballando colectivamente. Así que señora, señor, se nos ve por Coia é o momento de que sume as súas palabras á voz de voces da Marea de Vigo. Avante!

PRENSA MAREA VIGO