En Marea comprométese na defensa do borrador de Lei Galega de Identidade de Xénero rexistrada polos colectivos LGTBI

Os deputados Marcos Cal e Paula Quinteiro acompañaron esta mañá aos representantes dos colectivos no rexistro do documento e destacaron a necesidade de avanzar e garantir os dereitos de todas as persoas sexan respectados no noso país e loitar para que ninguén se vexa prexudicado pola súa condición de xénero.
Publicado por o día 03/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea comprométese na defensa do borrador de Lei Galega de Identidade de Xénero rexistrada polos colectivos LGTBI

O grupo parlamentario de En Marea amosou o seu total compromiso coa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI acompañando a varios colectivos e activistas que rexistraron esta mañá no Parlamento de Galicia un borrador de proxecto de Lei Galega de Identidade de Xénero. Os deputados Marcos Cal e Paula Quinteiro acompañaron aos colectivos no rexistro en sinal de total apoio ás súas reivindicacións e quixeron dar os parabéns a toda a xente que traballou na elaboración deste texto que sen dúbida suporá un gran avance na defensa dos dereitos das persoas independentemente da súa condición de xénero.

Desde os colectivos fixeron un chamamento aos distintos grupos da oposición para amosen “altura de miras“ e apoiar a tramitación desta Lei imprescindible para acabar coas situacións de desigualdade e de discriminación. Unha das primeiras discriminacións pasa polas trabas e dificultades para obter un documento nacional de identidade que realmente os identifique. Entre os requisitos que lles esixen está a obriga de levar polo menos dous anos de tratamento hormonal. A maiores súmase toda a burocracia e esperar a que aproben ou non a documentación para poder obter un novo carné. Por este motivo solicitan un DNI transitorio que poda identificalos sen ter que dar explicacións continuamente a xente que non coñecen de nada e as que non teñen porque dar explicacións das súas vidas como eles mesmos reclaman.

As listas de agarda para se operar son outra das problemáticas destacadas polos colectivos que chegan incluso aos dez anos e con traslados por exemplo a Málaga. O que se pide neste borrador de Lei é que todos os servizos médicos estean garantidos como para o resto de persoas. Outro dos aspectos importantes recollidos fai referencia ao ámbito escolar no que consideran necesario recoller dentro dos curriculum educativos a diversidade e a comprensión algo que aseguran non se está a dar.

O borrador presentado está baseado no aprobado noutras comunidades autónomas pero mellorando aquelas cuestións que requiren unha mellora. Falase de crear unha unidade de referencia pero que respecte a libre determinación de xénero para acabar coa actual situación na que son terceiros os que deciden quen é transexual e quen non. Así mesmo, propoñen a creación dun Consello formado polos distintas asociacións LGTBI, a unidade de referencia que se crearía, a Xunta de Galicia e os organismos competentes na materia que terían que se reunir polo menos dúas veces ao ano. A súa función sería elaborar un informe sobre o funcionamento desta Lei e os puntos a mellorar da mesma de xeito que se abriría unha comunicación directa dos colectivos coas unidades de referencia para que funcionen e evitar problemas.