En Marea considera un “esperpento” que a Fundación Franco xestione as visitas ao Pazo de Meirás e pide a devolución ao pobo da propiedade

Ánxeles Cuña e Antón Sánchez consideran “inaceptable” que sexa a Fundación Franco a que xestione as visitas a Meirás.
Publicado por o día 28/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea considera un “esperpento” que a Fundación Franco xestione as visitas ao Pazo de Meirás e pide a devolución ao pobo da propiedade

En Marea rexeita a decisión que permite que a Fundación Francisco Franco sexa a que xestione as visitas ao Pazo de Meirás, tendo en conta os antecedentes que, desde o expolio no que foi conseguido o pazo, ata os reiterados incumprimentos da lei á hora de atender ás persoas interesadas en visitar a propiedade. En Marea rexeita esa xestión e pide, novamente, que se reclame a propiedade para o público.

Ánxeles Cuña lembrou as principais datas da historia do Pazo de Meirás, desde o golpe de 1936 ata o momento de 1937 no que mediante “un roubo a man armada, deciden agasallar ao ditador co pazo que foi de Emilia Pardo Bazán mediante ameazas, expropiacións e contribucións forzosas”. A deputada da comisión de Cultura de En Marea, explicou que chegado 2008, a Xunta de Galicia declara o pazo BIC o que implica que o “monumento ten que ter horario de visitas e aquí comezan os problemas porque a familia comeza a poñer atrancos para a apertura e incumpre por sistema a atención ao público”.

Para Cuña o feito de que agora a Fundación Franco “xestione o horario de visitas non é máis que outra bulra porque é unha entidade franquista e supón unha prolongación do expolio co que foi conseguido o pazo de xeito completamente ilexítimo”.

Antón Sánchez recordou a situación do Pazo de Meirás era completamente irregular para a cidadanía, “primeiro porque non podemos deixar de lembrar que é un expolio que ese patrimonio estea en mans da familia do ditador e que nin sequera cumpran coa regulación da Xunta respecto das visitas”. Para o vicevoceiro de En Marea “Galicia debe ser o único lugar de Europa no que a familia dun ditador conserva os bens obtidos como resultado desa ditadura, isto non pasa en ningún outro lado”. No mesmo sentido, Sánchez sinalou que o que é necesario é que Galicia recupere a normalidade democrática mediante a recuperación do “patrimonio do Pazo de Meirás para uso público”.

Sánchez sinalou que a idea de que a xestión da visitas sexa levada a cabo por quen en realidade non quere visita ningunha non é máis que a demostración de que o PP “protexe os intereses da familia Franco e, polo tanto, está protexendo os intereses do fascismo e non se entende que un partido que se di demócrata siga protexendo ao fascimo e as palabras nisto non valen: o que valen son os feitos e os feitos din que o PP protexe o franquismo”.

O deputado de En Marea pediu que o PP “abandone esta actitude e cumpra coas obrigas democráticas que, entre outras cousas, son a devolución ao público do patrimonio expoliado e facer cumprir as normas da Xunta para o uso público do patrimonio”.