En Marea considera un “golpe de estado” o xeito en que Telmo Martín volve á alcaldía de Sanxenxo

Luís Villares asegura que Martín ten a connivencia de Feijóo nesta operación porque se non “non podería prometer obras que ten que financiar a Xunta”.
Publicado por o día 30/05/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea considera un “golpe de estado” o xeito en que Telmo Martín volve á alcaldía de Sanxenxo

En Marea explicou en Sanxenxo a súa posición frente ao “golpe de estado” que o PP está xestando na localidade para que Telmo Martín volva ser alcalde deste concello. A automoción de censura do que ata agora era o grupo de goberno é “un caso único no mundo” e exemplifica “o xeito en que goberna o PP en todos os sitios”.

María José Rodríguez, Samuel Castro, Marcos Cal e Luís Villares explicaron en Sanxenxo cal vai ser o resultado do novo goberno de Sanxenxo, un goberno que segundo sinalou Rodríguez comezou “impedindo que a cidadanía accedese ao pleno municipal”. Para Samuel Castro, o resultado deste cambio no goberno municipal suporá “máis corrupción en Sanxenxo e volver aos pelotazos urbanísticos doutra época”. Castro sinalou que son “moitas as denuncias nas que se viu implicado o que será novo alcalde”.

Para o deputado de En Marea Marcos Cal “a biografía de Telmo Martín explica cales son as súas motivacións para estar na política, desde o edificio no centro de Sanxenxo con orde derribo, ata a operación que lle permitiu mercar unha zona de protección urbanística, recalificala e vendela obtendo case 2 millóns de euros de beneficios”. Cal sinalou tamén que a Martín se lle perdoaron 3 millón de euros por unha operación urbanística ilegal.

Segundo Luís Villares, voceiro de En Marea, “o caso e Sanxenxo é un exemplo das maneiras de goberno do PP”. Villares sinalou que esta operación para colocar de novo a Telmo Martín como alcalde “era un golpe de estado no que participaban de xeito claro Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda”. Villares sinalou que só coa connivencia da Xunta de Galicia “pode Telmo Martín prometer obras que son de financiación autonómica”. Isto, segundo o voceiro leva a outra pregunta “así é como a Xunta financia obras en Galicia, en función da cor política dos seus alcaldes?”.  “Estaba a Xunta de Feijóo esperando ao cambio de alcalde de Sanxenxo para atender as necesidades da cidadanía de Sanxenxo?”.

No mesmo sentido, o voceiro explicou que a cidadanía entenderá con este golpe de estado municipal que é necesario “outro xeito de gobernar tamén nos municipios e que En Marea será unha alternativa de goberno que en lugar de mirar para as contas correntes do alcalde, saiba ver as necesidades da xente”. Villares apuntou que non hai “rexeneración posible para o PP, que a única rexeneración é que os seus dirixentes vaian entrando nos cárceres”.