En Marea considera insuficientes as axudas da Xunta e esixe atención psicolóxica ás persoas afectadas polos lumes

Entre as propostas de En Marea destacan tamén a eliminación do condicionamento das axudas á existencia a intencionalidade penal e que se retire a obrigatoriedade de estar ao corrente de todas as obrigas tributarias
Publicado por o día 31/10/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea considera insuficientes as axudas da Xunta e esixe atención psicolóxica ás persoas afectadas polos lumes

O voceiro de En Marea, Luís Villares, valorou coma “claramente insuficiente” o decreto de axudas publicado pola Xunta de Galicia en relación aos lumes. En primeiro lugar, o grupo de En Marea considera imprescindible que o Goberno galego abra oficinas nos concellos máis afectados onde a xente poida informarse e recibir axuda para cubrir todos os trámites. Asimesmo, Villares considerou inxustificado que o prazo para estas axudas se marque nun mes xa que non son de concorrencia competitiva e ademais existen casos sobre danos causados aos bens nos que aínda non están identificados os propietarios xa que non residen alí e polo tanto poderían quedar fora unicamente por non estar identificados neste prazo tan restrinxido dun mes.

No relativo aos danos persoais, En Marea considera inadmisible, e así o tivo que recoñecer o propio vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na súa comparecencia no Parlamento na comisión de Economía e Facenda, que se vinculen os falecementos a unha incendio cunha intencionalidade penal xa que é moi difícil determinar e polo tanto debería ser eliminado inmediatamente esta requisito.

En canto a danos aos bens, para En Marea non parece razoable que para acceder a axudas ao aluguer as vítimas dos incendios teñan que estar ao corrente en todas as súas obrigas tributarias, porque esta decisión contribúie a deixar desprotexidos aos máis débiles.

As axudas aos Concellos son igualmente insuficientes xa que estas axudas deberían dar a capacidade de impulsar e planificar as áreas afectadas xa non só de xeito medio ambiental senón incluso a nivel socio-económico para o que é imprescindible que os concellos podan ter recursos extraordinarios para realizar esta función.

E finalmente, En Marea bota en falla unha instrución dirixida a crear un plan de atención psicolóxica. “Non se deron as instrucións ata o momento para atender o impacto emocional da poboación afectada e os intervenientes nas tarefas de extición, que poden carrexar consecuencias máis graves no medio prazo se se cronifican e non son atendidas agora” denunciou Luís Villares por iso reclama á Xunta de Galicia que atenda esta necesidade.

Orzamentos para Medio Rural 
Esta mañá a conselleira de Medio Rural, expuxo no Parlamento as contas do seu departamento para o exercicio 2018. “Repiten moitas veces que o rural é unha das súas prioridades, esta é a suposta lexislatura do rural, pero non por moito repetilo esto convirtese nunha certeza”, denunciou a deputada de En Marea Paula Quinteiro para quen o PP leva anos “poñendo en marcha políticas que favorecen o abandono deste e a degradación das condicións materiais das persoas que viven no rural”.

Dende que goberna Feijóo destruíronse 1 de cada 3 empregos no mundo rural e pecharon ao redor de 4.000 granxas de leite. O despoboamento tamén ascende e xa se contabilizan máis de 1600 nucleos deshabitados. “Nestes orzamentos podemos comprobar como por exemplo, unha partida fundamental como é a dedicada a dinamización economica do medio rural cae máis dun 8 % este ano e un 23,8% dende 2009” insisitiu Quinteiro, que tamén se referiu á “baixísima execución dos orzamentos no departamento” con cifras inferiores ao 50%.

Canto ao modelo de prevención e extinción de incendios que se deducen dos orzamentos presentados, para En Marea “amosan unha continuidade na fragmentación do servizo de extinción, cando o que precisamos é un mando único”. A Xunta volve manter, segundo indicou a parlamentaria, a mesma cifra para as partidas adicadas a contratación de persoal de SEAGA, “o que fará imposible aumentar a contratación destes traballadores. Resulta inaudito que despois do que pasou sigan con esa politica de contratación temporal e con esta politica de improvisación”.