En Marea considera que os datos de desemprego confirman a situación “anómala” de Galicia na que a recuperación económica non beneficia o emprego

Publicado por o día 05/12/2017 na sección de Emprego,En Marea,Galicia,Política

En Marea considera que os datos de desemprego confirman a situación “anómala” de Galicia na que a recuperación económica non beneficia o emprego

Os datos do desemprego volven prexudicar a Galicia e confirmar o denunciando por En Marea nos últimos meses, que Galicia vive unha situación anómala no conxunto do estado na que a anunciada recuperación económica non está servindo en absoluto para a recuperación do emprego no país. Tanto a deputada no Congreso, Yolanda Díaz, como o deputado no Parlamento de Galicia, Manuel Lago, sinalaron que todos os datos apuntan a unha situación na que os datos de desemprego en Galicia empeoran sen que os gobernos fagan nada por cambiar esta situación.

Os datos de desemprego e afiliación á Seguridade Social do mes de novembro seguen confirmando o dito por En Marea: Galicia representa unha anomalía laboral dentro de España. O paro rexistrado en novembro aumenta en Galicia tres veces mais ca no resto do Estado. Se en Galicia o paro crece nun 0,68%, no conxunto de España faino nun 0,21%. Este contraste tamén se observa na afiliación á Seguridade Social, onde Galicia tamén se comporta peor ca media española.

Pero ademais a precariedade laboral segue intensificándose en Galicia: soamente o 8,3% dos contratos realizados foron indefinidos e a porcentaxe redúcese ao 6,1% cando se contabilizan os indefinidos a tempo completo. Isto é, dos 80.025 contratos realizados en Galicia no mes de novembro, só 4.881 correspóndense con indefinidos a tempo completo.

Finalmente, apuntou Manuel Lago que habería que destacar “a alta estacionalidade do mercado laboral”. “Galicia, e España no seu conxunto, manteñen unha alta dependencia de actividades económicas que xeran fortes ciclos na contratación”. Tamén apuntou o deputado que “o goberno galego e español en lugar de tratar de corrixir esta deficiencia, fixeron todo o contrario; aumentaron a dependencia da nosa economía de tales actividades económicas, reducindo a diversificación da nosa estrutura produtiva”

Para a voceira no Congreso dos deputados, Yolanda Díaz “Os datos volven ser malos para o noso país. Estamos diante dun Partido Popular, na Xunta e no Estado, que son auténticas trituradoras do emprego”.  Díaz atribúe esta situación a dúas razóns: “non mudan ningunha das súas políticas que se demostra que non funcionan, todo o que está vencellado á reforma laboral e ás inexistentes políticas de emprego”. Engade a deputada de En Marea que desde o PP “Privatizaron e recortaron as políticas de colocación de traballadores e traballadoras e o que toca sería mudar todas estas políticas e colocar o problema do desemprego como a tarefa principal”.  Explica Díaz que agora “Toca mudar as políticas de emprego e definir un modelo produtivo que no día de hoxe non existe en Galiza. Deberíamos saber a que se vai adicar o noso país e definir con claridade unha proxección vencellada aos postos de traballo”.

Sinalou tamén que non se mudan as políticas de protección social, fundamentalmente o desemprego e isto deixa en situación de abandono a unha parte da sociedade, “Xa presentamos desde en Marea a Proposición de Lei na que instamos a inmediata recuperación das políticas vencelladas ao subsidio de desemprego de maiores de 52 anos. É imprescindible diante dos niveis de desprotección social que temos”.