En Marea considera “un paso adiante” o proxecto de Lei de Protección e Benestar Animal de Galicia

O deputado de En Marea no Parlamento de Galicia, Francisco Casal, presentou en rolda de prensa as 65 emendas que o seu grupo rexistrou ao proxecto de Lei de Protección e Benestar dos animais domésticos.
Por o 01/06/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea considera “un paso adiante” o proxecto de Lei de Protección e Benestar Animal de Galicia

En Marea presentou esta mañá as 65 emendas presentadas polo grupo parlamentario ao proxecto de Lei de protección e benestar dos animais domésticos de Galicia. O deputado do Parlamento, Francisco Casal, foi o encargado de dar conta do traballo realizado polo grupo parlamentario en colaboración cos distintos colectivos e organizacións animalistas do país. Na súa comparecencia, Casal sinalou que “a Lei é un paso adiante respecto a de 1993 pero” considerou imprescindible adecuar moitos artigos á realidade social actual sobre a concienciación moi maioritaria da cidadanía no respecto aos animais como seres sensibles, recoñecido na lexislación do Estado español e da Unión Europea”.

Pese a supor unha mellora, En Marea salientou a existencia de dez artigos regresivos con respecto a Lei de 1993 e que consideran “totalmente inaceptables despóis de 24 anos onde a realidade avanzou de xeito importante”. Artigos todos estes que foron emendados polo grupo parlamentario de En Marea.

Entre as emendas rexistradas destacan:

  • A solicitude do cambio da Lei para que pase a ser: Lei de Protección e Benestar dos animais domésticos e salvaxes en catividade, tal e como denominaba a de 1993 xa que En Marea considera esta denominación é moito mais completa e axeitada aos fins da Lei.
  • Rexeitamento da exclusión da aplicación da Lei aos animais da familia dos équidos.
  • Rexeitamento a exclusión de aplicación da Lei aos animais empregados en calquera espectáculo taurino incluídos os encerros. Os animais son animais salvaxes en catividade e non poden ser excluídos desta lei como explicou Francisco Casal.
  • En Marea avoga en moitos artigos pola maior implicación, recoñecemento e apoio as asociacións sen fins de lucro que teñen por obxecto a defensa e a protección dos animais. Así mesmo, instan a que poidan ser declaradas de utilidade pública e partes interesadas en todos os procedementos desta Lei instando ao Goberno galego a ser proactivo con esas entidades. O traballo dos voluntarios destas organizacións é fundamental para que esta lei non quede en papel mollado.
  • Rexeitamento, sen exclusións, a utilización de animais en atraccións en feiras e outras asimilables.
  • O grupo parlamentario pide nas súas emendas a supresión do artigo 9. p) que prohibe e sanciona a alimentación de animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas. En Marea considera adecuado que exista regulamentación municipal para que esta alimentación por motivos humanitarios sexa realizada en condicións de salubridade adecuadas pero rexeita totalmente a súa prohibición e carácter sancionador.
  • Incluír unha prohibición de manter aos animais atados ou encadeados de maneira indefinida, ou limitar de forma longa o movemento necesario para eles.
  • Solicitar  a diferenciación e as definimos entre eutanasia e sacrificio dos animais. E que este último sexa prohibido en calquera circunstancia. “Nada ten que ver a eutanasia dun animal e outra cousa sacrificio” denunciou Casal. Tamén neste apartado reclamou á Xunta que dote dos medios económicos aos Concellos para que podan igualmente facer fronte
  • Ampliar de 3 a 10 días o período para declarar abandonado a un animal identificado e marcar 20 para aqueles non identificados.
  • Fogares de acollida temporal impide que teña máis de 5 animais ao tempo este apartado tamén foi emendado por En Marea. Ten que haber posibilidade de que teñan máis sempre que as condicións sexan adecuadas para os animais e previa información á Consellería.
  • Mellorar as condicións, recollidas na Lei, para os núcleos zoolóxicos.
  • Permitir a adopción de animais enfermos, que a Lei prohibe, sempre e cando a persoa que adopta sexa informado completamente da afectación do animal.
  • Ampliar o prazo para que un animal con identificación se considere abandonado despois da notificación ao propietario de 3 a 10 días. No caso dos no identificados ampliala a 20 días.
  • Ampliar as competencias dos fogares de acollida temporal de animais abandonados permitíndolles ter mais de 5 animais previa comunicación a consellería competente.
  • Fomentar a creación de colonias felinas controladas en todos os concellos.
  • Inclusión da obrigatoriedade de que todos os concellos conten cunha canceira xa sexa municipal ou consorciada con outros concellos limítrofes e se dará prioridade para constituílas e financialas as protectoras establecidas nestes territorios.
  • En Marea presentou ademais unha Disposición Adicional de importancia esencial para que os fin da Lei poida ser desenvolvidos a súa dotación orzamentaria por parte da Xunta de Galicia. “Non se poden implantar obrigas aos Concellos e non dotalo economicamente deixándolles unha carga que na maioría dos casos non poderán cumprir.

O deputado de En Marea no Parlamento de Galicia confía na sensibilidade do grupo maioritario do PP para que estas emendas sexan recollidas e incluídas no proxecto de Lei e salientou a necesidade de contar cun documento económico da lei que estude os custes de cada artigo da lei para deste xeito poder facer un ditame económico xa que “se non quedará sen sentido real”.

Por último, Francisco Casal salientou tamén a necesidade de crear un observatorio para analizar a situación dos animais nos circos que permita nun prazo dun ou dous anos chegar a unha conclusión se é tamén preciso prohibir o uso dos animais domésticos nos circos no caso de que non se cumpran as condicións adecuadas para eles.

“A convivencia sa e o coidado dos animais é unha evolución para á sociedade e que aporta valores, un tema no que hai que investir para poñer en valor os animais” concluíu o deputado de En Marea, Francisco Casal.