En Marea considera unha “aberración” o anuncio de Feijóo de ampliar a depuradora de Praceres (Pontevedra)

Publicado por o día 05/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea censura o anuncio de Núñez Feijóo de destinar unha partida de 15 millóns de euros para ampliar Estación Depuradora de Praceres en Pontevedra, un día despois de que a deputada Ángela Rodríguez se posicionase xunto coas Mareas da ría de Pontevedra a favor dun modelo alternativo con estacións de escala sustentable, espalladas territorialmente polos emprazamentos máis axeitadas.

Segundo a deputada de En Marea por Pontevedra, Ángela Rodríguez, “Núñez Feijóo non poderá ser o Plan Renove do Partido Popular en Madrid, pero dende logo é quen de facer de sicario das súas políticas”. De feito o anuncio chega pouco tempo despois da prórroga a ENCE por parte do goberno en funcións do Estado. “Trátase dunha aberración máis para o corazón da ría. Hoxe Feijóo está presentando unha acta máis de defunción para a Ría de Pontevedra cunha concesión que vén a ser coma a irmá pequena da prórroga a ENCE. Dende En Marea queremos recordar a importancia das nosas rías para o noso futuro, polo que lle pedimos a Feijóo que rectifique e dea un paso atrás nesta decisión”, denuncia Ángela Rodríguez.

Para En Marea é fundamental chegar ao goberno da Xunta para reverter as “calamitosas” políticas do Partido Popular que supoñen unha agresión constante para Galicia e o seu territorio.

PRENSA EN MAREA