En Marea consulta ás súas bases para adoptar unha posición de goberno

Publicado por o día 18/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea consulta ás súas bases para adoptar unha posición de goberno

A Mesa Coordinadora de En Marea vén de decidir a realización dunha consulta para definir a posición das súas deputadas e deputados no Congreso en relación á investidura do presidente do goberno do Estado. A consulta ás bases de En Marea é vinculante, o resultado da votación é de obrigado cumprimento para as súas deputadas e deputados.

Quen pode participar

Nesta consulta poderán participar todas as persoas que xa se rexistraran no proceso de validación das candidaturas de En Marea en novembro de 2015.

Ábrese un período de ampliación do censo no que novas persoas poidan incorporarse de cara a participar na presente consulta, así como noutras posteriores. Esta reapertura contará cos mecanismos de contraste -na acreditación de identidade e votación- para garantir que votan as bases de En Marea e non interfiren axentes alleos interesados en fixar de forma espuria a nosa posición.

Preguntas da consulta

As preguntas están formuladas de forma comprensible, clara e permiten discriminar entre opcións diferentes, e o resultado da votación debe ser interpretado de xeito nítido. As preguntas serán:

1. Debe En Marea apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez e baseado no acordo PSOE-Ciudadanos?

Si

Non

2. Debe En Marea continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas?

Si

Non

Calendario

Presentación do procedemento da consulta: luns 18 de abril

Período de inscrición no censo: martes 19 e mércores 20 de abril

(incluída a recepción de información ás persoas xa inscritas no censo de En Marea en novembro de 2015)

Xornada de votación: xoves 21 e venres 22 de abril

Proclamación dos resultados: sábado 23 de abril

Procedemento

A inscrición no censo realizarase por vía telemática a través do portal http://www.enmarea.gal

A votación levarase a cabo por vía telemática a través da plataforma AgoraVoting que reúne todas as garantías en canto á privacidade, seguridade e verificación do voto.

Por que unha consulta?

En Marea comprométese a que todas as decisións de carácter político relevante sexan adoptadas polo conxunto das persoas que participan no noso proxecto, esta consulta sobre a investidura insírese neste marco. A consulta responde

  • Democracia, garantir que as principais decisións de En Marea son adoptadas pola totalidade das súas bases, combinando a capacidade de negociar e chegar a acordos co mandato último conforme en En Marea manda a xente.

  • Autonomía, esta é unha decisión soberana de En Marea, que mantén unha posición concertada con Podemos e En Comú-Podem, compartindo a proposta común de goberno así como a negociación xunto a outras forzas. O acordo sobre a posición do goberno é de En Marea.

  • Proxecto unitario, a consulta farase entre o conxunto das bases de En Marea comprendido como un proxecto común, deste xeito, o procedemento da consulta coincide co de elección das deputadas e deputados.

  • Cumprir cos compromisos, o noso manifesto fundacional asentaba as súas decisións nun desexo común: participación, transparencia, democracia de base cidadá. Con esta consulta cumprimos cos nosos compromisos, o esforzo por acadar un goberno de cambio e que as decisións sexan adoptadas por toda a xente que fai parte de En Marea.

  • Nova cultura política: demostramos que a política se pode facer doutro xeito, situando a participación en primeiro termo e conectando os debates relevantes para a cidadanía coas decisións das/os parlamentarias/os de En Marea, mostrando un proceder coherente e consecuente cun proxecto profundamente democrático.

PRENSA EN MAREA