En Marea critica a actitude prepotente e antidialogante de Alfonso Rueda e esixe que cumpra co acordo unánime do Parlamento e atenda as reivindicacións da Xustiza

A viceportavoz de En Marea, Carmen Santos, acusou ao Goberno galego de se agochar detrás do “mantra” da maioría absoluta para non escoitar nin aos traballadores e traballadoras nin aos grupos parlamentarios da Cámara galega
Publicado por o día 06/03/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea critica a actitude prepotente e antidialogante de Alfonso Rueda e esixe que cumpra co acordo unánime do Parlamento e atenda as reivindicacións da Xustiza

A viceportavoz de En Marea, Carmen Santos, esixiu ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cumpra co acordo unánime aprobado no Parlamento de Galicia, tamén polo grupo do Partido Popular, no que se pedía ao Goberno galego que aceptase as reivindicacións das traballadoras e traballadores da Xustiza. Na súa intervención en resposta á comparecencia no Parlamento de Galicia do vicepresidente para dar conta da actuación da Xunta ante a folga na administración de Xustiza, Carmen Santos, lamentou ter un Goberno galego que se agocha tras “o mantra da maioría absoluta” para non escoitar, tampouco, ás traballadoras e traballadores da Xustiza. “Nunha semana como esta na que se celebra o día internacional da muller traballadora, e unha folga feminista histórica,  o PP de Galicia fai gala do machismo estrutural que o habita, e non admite un non por resposta. Para o seu goberno,  é o que vosteden queiran cando vostedes queiran” afirmou.

Santos cuestionou así mesmo o “arte de consensuar e de dialogar” da Xunta no que “vostede fai unha proposta, se non a aceptades é que non queredes negociar”. “Non queiran levar á xente ao engano, esta non é unha folga dunha empresa privada, ou unha folga en sectores básicos do Estado do Benestar como a educación ou a sanidade” salientou a viceportavoz de En Marea.

“É unha folga dun dos tres poderes que garanten a nosa democracia e a igualdade dos cidadáns ante a lei xunto ca súa protección dos abusos, e por iso é tan importante para o Partido Popular imputado, para vostede señor Rueda e para o goberno Feijóo , dobregala e vencela; e por iso, ao Partido Popular non lle importan as consecuencias” declarou Carmen Santos.

“Non lles importa que siga a folga, con tal de impoñer a súa man de ferro. Vostedes non queren falar cos empregados e empregadas da xustiza porque queren mandar un aviso a navegantes. Isto é o patriarcado, o patriarca é don vito Feijoo, e o consilieri é vostede señor Rueda. E a súa proposta para resolver o conflito da xustiza non é negociar, nin unha proposta de consenso: é o que nós queiramos, como queiramos e cando nós queiramos” afirmou.

A viceportavoz de En Marea recriminou a “chantaxe” do vicepresidente asegurando que “non compramos as súas mentiras”. “A súa maioría absoluta co dopaxe da corrupción non é un cheque en branco para converter Galicia nun sálvese quen poida de non chegar a fin de mes, mentres vostedes seguen cos soldazos e sen renunciar nin a un só dos seus privilexios. Fronte a maioría absoluta dopada do seu executivo terán sempre a dignidade dos galegos e galegas” engadiu. 

Carmen Santos rematou a súa intervención pedíndolle ao vicepresidente que deixara de tratar de poñer á cidadanía en contra das traballadoras e traballadores da Xustiza falando de canto custará aos galegos e galegas a subida salarial destes empregados nunha clara estratexia de “demagoxia barata” mentres continúan precarizando o modelo laboral dividindo aos traballadores do público e do privado. “Digan canto lle custou e custa aos galegos a corrupción do partido imputado, en Galicia principalmente, e que os corruptos que foron, e os que seguen nas súas filas aquí e no Estado e amiguiños empresarios, que devolvan o que roubaron” concluíu Carmen Santos.