En Marea critica “O inmovilismo de Rajoy” e advirte que “estamos ante un goberno continuista praparado para máis recortes”

Publicado por o día 04/11/2016 na sección de Eventos

En Marea critica “O inmovilismo de Rajoy” e advirte que “estamos ante un goberno continuista praparado para máis recortes”

Alexandra Fernández salienta que “o novo gabinete de Rajoy carece do perfil para enfrontar os novos tempos de pluralidade e diálogo que se precisan, e retos como un necesario proceso constituínte”.

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, criticou o “inmovilismo de Rajoy que mantén no novo gabinete aos principais actores dos recortes” e considera que “en coherencia coa súa frase da sesión de investidura na que dixo que “perseverará”, perfila un Goberno continuista para practicar a seguinte onda de recortes que obriga Bruxelas”.

Para Alexandra Fernández “o continuismo do Executivo de Rajoy significa continuismo das súas políticas, que anuncia máis do mesmo”. Ironizou sobre un gabinete que “non está nada adaptado para unha etapa sen maioría absoluta, na que vai ter que practicar o diálogo”.

Ministros e Ministras dos recortes son premiados

Nesta liña, a deputada de En Marea salienta que “nos Ministerios de Economía, Facenda e Emprego mantén ás mesmas persoas que levaron a cabo os recortes máis duros que se lembren e a reforma laboral máis regresiva, que máis dereitos laborais anulou da historia”. Guindos, ex de Lehman Brothers, “o home fiel escudeiro da Troika que rematou coas Caixas, saneou os bancos cos cartos de todos e de todas e mirou para outro lado cando saliu á luz a estafa das preferentes, até que non lle quedou máis remedio debido á movilización dos afectados”. Montoro, “o home da amnistía fiscal e dos Orzamentos entregados ao pagamento da débeda por riba das necesidades da xente en momentos de grave crise. O home que persegue fiscalmente aos emigrantes retornados galegos e doutras partes do estado en lugar de perseguer a fraude fiscal”, e Fátima Báñez, “a encargada de aprobar unha reforma laboral feita á medida do empresariado e dos ditados de Bruxelas para precarizar o mercado de traballo, deixar salarios de miseria e manter un paro elevado para devaluar as condicións laborais”.

Pesca segue ausente

En relación a problemas que afectan a sectores fundamentais de Galiza, a portavoz de En Marea censura que se obvie a importanza da Pesca no Ministerio de Agricultura que “continuará en máns de Tejerina, destacada por non facer nada para atallar a grave crise do sector lácteo galego que percibe os prezos máis baixos do estado”. Alexandra
Fernández afirma que “Rajoy repite o erro de anular a sección ministerial de Pesca, un sector cun importante peso no nosos territorio”. Critica que “constantemente se premie a Rafael Catalá, que foi Secretario de Infraestruturas no ano do sinistro de Angrois, con responsabilidades políticas no momento do accidente e que foi especialmente frío e indiferente coas vítimas do Alvia”.

Ministerios para solventar problemas internos do PP

Reprocha a Rajoy que empregue a formación dun Goberno “para sacudirse os problemas internos do PP, en alusión ao nomeamento de Cospedal, Secretaria Xeral do PP, como Ministra de Defensa. Hai máis PP neste Executivo, e un sesgo partidista pensado para solventar as guerras internas”.

En liñas xerais, a portavoz de En Marea sinala que “é clara a aposta de Rajoy por un gabinete inmovilista, que persevera na mesma liña política, e que non ten o perfil para enfrontar os novos tempos de pluralidade e diálogo parlamentar que se precisan, nin retos como unha necesaria reforma constituínte para abordar o modelo de estado”.