En abril deste ano En Marea preguntaba pola situación e retribucións de Fernández Albor como membro do Consello Consultivo (cargo que lle correspondía como expresidente da Xunta) ao entender que cobraba máis de 3000€ ao mes por unha tarefa inexistente nos últimos tres anos. Paradoxicamente, ese mesmo día, publicábase no Diario Oficial de Galicia a súa renuncia ao cargo.
Xa daquela, a directora xeral de Relacións Institucionais, Blanca García-Señoráns, remarcara, tralas preguntas do voceiro de En Marea, non dispor dos datos que se esixían nin coñecer o detalle das actas sobre quen asistía ás reunións, facendo prever que a crítica era atinada.
Tendo presente esta situación, En Marea ve incomprensible que o Consello de Ministros premie con ese galardón a Fernández Albor pola súa traxectoria exemplar e o seu mérito no traballo, ao entender que este galardón se concede co obxectivo de premiar e destacar o mérito dunha conduta socialmente útil e exemplar no desenvolvemento dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo, sendo no caso de Albor moi cuestionable dito recoñecemento: alén da política, parte da súa biografía permanece inédica, como a súa etapa de piloto e a súa participación na Luftwaffe.
Ademais da medalla, estes galardóns conlevan a concesión dunha pensión vitalicia para a persoa premiada cando así o acorda o Consello de Ministros.
Desde En Marea pregúntanse cales foron os criterios empregados para adoptar esta decisión, tendo en conta que o debate que se deu en sede parlamentaria tiña como fundamento a non asistencia nin participación de Albor no Consultivo en tres anos (malia cobrar por iso) e non era quen de xustificar nin a súa situación nin as súas retribucións como se lle pedía. Do mesmo xeito, tamén se preguntan se, no caso de Albor, a medalla irá acompañada da pensión vitalicia e, de ser así, cal sería o importe de dita pensión. .
Noticias de última hora en Vigo