Marea de Vigo afirma que a protección do sector industrial na nosa cidade debe estar centrado no emprego

Rubén Pérez: “A situación que están a vivir os e as traballadoras de Vulcano e das empresas auxiliares non é nin nova nin extraordinaria, senón que responde a un fracaso nas políticas que se teñen levado a cabo desde as administracións públicas nos últimos anos”
Publicado por o día 05/02/2019 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo afirma que a protección do sector industrial na nosa cidade debe estar centrado no emprego

Marea de Vigo apoia ás traballadoras e traballadores de Vulcano e das empresas auxiliares do naval, que están sufrindo as consecuencias dos impagos do estaleiro, e participará mañá na mobilización convocada polos sindicatos. “Isto ademais non só está afectando ás auxiliares viguesas, senón que existen ducias de empresas na contorna da nosa cidade que se están vendo afectadas polos impagos. O peor, é que moitas xa nin existen porque non foron quen de sobrevivir tanto tempo sen cobrar, e tiveron que despedir ao seu persoal, estamos a falar de pequenas empresas, incluso de autónomos que realizaban traballos para o estaleiro”.

Tamén en materia de emprego, tras ser publicados os datos sobre o emprego en Galicia e nas grandes cidades do último trimestre do 2018, Marea de Vigo afirma que “á vista dos recentes datos ofrecidos polo IGE (Instituto Galego de Estatística), queda patente o nulo impacto que tiveron no emprego os investimentos realizados polo Goberno de Abel Caballero na campaña de Nadal”. Marea de Vigo insiste na necesidade de cambiar o paradigma de modelo de emprego estable para todas as políticas sobre o emprego que se leven a cabo desde o eido municipal. “A diminución da taxa de desemprego e o tímido avance da taxa de ocupación é maior incluso en cidades que non fixeron investimentos en campañas estacionais, como é o caso de Santiago de Compostela. Queda demostrado que medidas como poñer luces non axudaron a baixar o paro” matiza Rubén Pérez.

Un Goberno municipal debe ser consciente da importancia dos sectores estratéxicos da cidade, como son en Vigo o naval e a industria do automóbil, debendo aunar os esforzos na súa supervivencia e calidade. “Tras anos de deslocalizacións, ERES de discutida legalidade, e a posta en marcha de sistemas de precarización dos postos de traballo ao amparo das últimas reformas laborais, atopámonos cunha realidade laboral moi complicada para moitas persoas na nosa cidade, e a administración local nin pode nin debe ser allea a esta circunstancia” conclúe Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.