Marea de Vigo afirma que a responsabilidade sobre a situación do auditorio Mar de Vigo é do alcalde, ao non ter emendado o modelo de obra pública e concesión

Rubén Pérez: “Levamos soterrando millóns de euros en empresas de carácter opaco dende que este alcalde é alcalde. A comisión de investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo ten que abrirse xa, tal e como fan os concellos democráticos e progresistas.”
Por o 26/06/2018 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo afirma que a responsabilidade sobre a situación do auditorio Mar de Vigo é do alcalde, ao non ter emendado o modelo de obra pública e concesión

O grupo municipal da Marea de Vigo ofreceu hoxe unha rolda de prensa ante as recentes declaracións do alcalde de Vigo sobre a situación do Auditorio Mar de Vigo. Na mesma, o voceiro do grupo municipal, Rubén Pérez, cualificaba a situación do Auditorio como unha “consecuencia do continuísmo levado a cabo polo alcalde do PSOE Abel Caballero, cando, sabendo que a situación ía ser insostible, tratou de tapar as vergoñas con recursos públicos tal e como está facendo agora á hora do rescate.”

Segundo a Marea de Vigo, “desde o 2007, Abel Caballero tivo a opción de emendar as decisións políticas tomadas ata o momento sobre o proxecto. Todas as modificacións que se fixeron sobre o mesmo a partir dese momento soamente serviron para secuestrar a iniciativa pública diante dos intereses privados de Caixanova e as construtoras, consagrando un modelo construtivo e concesional absolutamente opaco sobre o Auditorio Mar de Vigo.”

Do mesmo xeito, o grupo municipal da Marea de Vigo explicaba que “o proxecto estaba condenado ao fracaso dende o primeiro momento, xa que non estaba adaptado á realidade da cidade nin mesmo aos usos da súa contorna. Usos comerciais que foron eliminados coa modificación do proxecto feita xa polo actual alcalde, precisamente os que lle daban actividade a espazos como o aparcadoiro.”

“Queremos saber por que se dixo que o único sitio onde podían ir as aulas da UNED en Vigo era o Auditorio Mar de Vigo, por que se inxecta medio millón de euros a unha empresa de organización de eventos sen sacar un concurso público, por que non se rescatou no 2011 cando a empresa concesionaria alertaba da situación ou mesmo por que se ampliou a concesión de 35 a 60 anos. Todas esas actuacións só serviron para soterrar millóns de euros de cartos públicos” concluía Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.