Marea de Vigo afirma que o motivo para non poder ampliar a PSA é unicamente a incapacidade do Goberno local para redactar un PXOM en catro anos

Rubén Pérez: “Tanto o alcalde de Vigo coma o delegado da Zona Franca deben deixar de facer ruído e de facer o ridículo, xa que a Lei Vigo, votada polo PP e polo PSOE, está formulada para ámbitos industriais ou dotacionais que xa constan catalogados como tales, e é absolutamente imposible ampliar cara terreos de solo urbano ou rústico en Matamá”.
Publicado por o día 15/02/2019 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo afirma que o motivo para non poder ampliar a PSA é unicamente a incapacidade do Goberno local para redactar un PXOM en catro anos

Marea de Vigo lembra a posibilidade que houbo no seu día para alterar o contorno interior do polígono de Balaídos ara dar máis edificabilidade á fábrica, prioridade naquela altura, mais ampliar o polígono sen PXOM (sexa novo ou mediante modificación puntual do actual do 93) era tan imposible e ilegal daquela como agora.

“De novo aparece o xogo electoral previsible de Abel Caballero, que elude a responsabilidade propia e lanza ‘ideas de bombeiro’ que sabe tanto polos informes emitidos por Zona Franca no seu día como polo expresado pola propia Xunta que sen PXOM, recualificar terreos en Matamá para ampliar un polígono industrial non é posible” matiza Rubén Pérez.

No tocante á empresa PSA, Marea de Vigo afirma que esta “tamén ten que asumir que pedir axuda as administracións públicas sen artellar emprego digno e estable na planta xa non é solución”, xa que “os esforzos dunha cidade teñen que cifrarse en compromisos de emprego e dereitos laborais dignos”. Xa en 2016, e despois dunha reunión entre Marea de Vigo e a dirección da planta viguesa, o voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, apelou ao “diálogo entre as forzas políticas no Concello de Vigo e as administracións implicadas cara a chegar a un consenso para resolver esta situación, partindo tanto da realidade sobre as necesidades da planta, como da legalidade urbanística, existindo fórmulas e instrumentos como os proxectos de incidencia supra-municipal”, recollidos xa na Lei de Ordenación do Territorio de Galicia dende o 1995, “sen necesidade de tentar encaixalo na mal chamada Lei Vigo o que xeraría unha evidente inseguridade xurídica”.

Marea de Vigo lembra que o PXOM vixente coloca os terreos onde se pretende ampliar PSA como zonas verdes libres, solo urbanizable non programado e mesmo categorías de solo urbano consolidado e non consolidado encadradas en PERIs, o que imposibilita a súa clasificación como solo industrial mediante esta lei.

A Marea de Vigo pide encarecidamente seriedade e responsabilidade ao Goberno municipal á hora de abordar esta cuestión, deixando de lado “cortoplacismos” por motivos publicitarios (que xa comprobamos que a longo prazo acaban en anulacións de plans urbanísticos), e así amose que realmente se preocupa polo futuro industrial da cidade, co rigor e a seriedade que merece.

Comentar noticia

Your email address will not be published.