Marea de Vigo afirma que o proxecto de Porto Cabral non debe ter cabida no futuro PXOM e avoga por clasificar o monte de Liñeiriños como solo rústico de protección forestal

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera que “o enésimo intento de revivir un ámbito condenado á ilegalización xa ten pouco percorrido tanto pola nova Lei do Solo como pola situación da empresa promotora que tenta vender todos os seus activos no conxunto do estado”.
Por o 10/06/2019 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo afirma que o proxecto de Porto Cabral non debe ter cabida no futuro PXOM e avoga por clasificar o monte de Liñeiriños como solo rústico de protección forestal

Marea de Vigo, toda vez que segue cualificando como moi graves as irregularidades que se suceden nos procesos asemblearios da Comunidade de Montes de Cabral, onde non hai transparencia nas altas e baixas de comuneiros, onde non se aclaran os obxectivos das permutas e mesmo seguen sen darse explicacións dos soterramentos ilegais no Monte do Gorxal, defende a inviabilidade legal e mesmo económica do proxecto de Porto Cabral e considera “delirantes” as cifras de 1.200 millóns de euros en investimentos que din que traerá a parroquia o proxecto, xa que “eses números nin son certos nin teñen en conta o grave impacto no comercio local e de proximidade que tería o macro centro comercial e de ocio” apunta Pérez.

O Grupo municipal lembra ademais que a nova Lei do Solo 2/2016 do 10 de febreiro deixa claro no artigo 34 en canto ao Solo rústico de especial protección que “o planeamento clasificará como solo rústico de especial protección os terreos afectados polas lexislacións sectoriais de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas ou polas de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais”. E ademais sinala que serán considerados coma solo rústico de protección forestal, o constituído polos montes veciñais en man común e os terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia forestal.

Rubén Pérez afirma que neste momento “a responsabilidade está no Concello, xa que o futuro PXOM que está actualmente en elaboración podería excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos que o Concello de Vigo considere “necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo do informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente”.

Para a Marea de Vigo, un macro-centro comercial e de ocio non entra a formar parte dunha necesidade urbanística racional e moito menos despois de que o Concello de Vigo alegara contra outro centro comercial de características semellantes proxectado polo RC CELTA en Mos onde, acertadamente, o Concello de Vigo alega contra o impacto económico sobre o comercio local da cidade, contra o uso de recursos hídricos non garantidos e que poden ter impacto nas concas hidrográficas afectadas e contra o impacto ambiental de realizar esta actuación nun monte comunal, polo que Marea de Vigo afirma que “queda claro que esas alegacións formuladas polo Concello de Vigo son perfectamente aplicables ao proxecto de Porto Cabral, e o non manter o mesmo criterio só se pode deber a intereses particulares de dubidosa legalidade”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.