Marea de Vigo alerta da baixísima execución orzamentaria tamén en políticas de igualdade e loita contra a violencia machista en Vigo

Marga L. Barreiro: “Ver a un alcalde pasearse na mobilización do 25N e ter esta execución orzamentaria ridícula a dous meses de rematar o ano 2018 é un insulto ao movemento feminista”.
Publicado por o día 26/11/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

Marea de Vigo alerta da baixísima execución orzamentaria tamén en políticas de igualdade e loita contra a violencia machista en Vigo

Para a Marea de Vigo, é xa un feito e unha característica do goberno do PSOE a baixa execución orzamentaria, da que non escapa ningunha área de goberno. “Na liquidación que vai a Pleno este próximo 28 de novembro hai unha preocupante falta de execución de partidas en materia de igualdade, loita contra a violencia machista e inserción laboral de mulleres vítimas de violencia machista” engade Marga L. Barreiro.

Marea de Vigo pon como exemplo os 13.000 euros consignados a Campañas contra a violencia de xénero, “dos que nos 10 primeiros meses do ano non se ten gastado nin un euro dunha partida que xa é evidentemente escasa. Soamente executáronse 32.000 euros do plan de inserción laboral que, cunha dotación de 125.000 euros pretende axudar a mulleres vítimas da violencia de xénero ou os escasos 70.000 dos máis de 155.000 euros consignados ao Plan municipal de igualdade de oportunidades” matiza a concelleira da Marea de Vigo, recalcando que “incluso hai partidas sen tocar, como os programas de igualdade (10.000 euros) e non existen, analogamente aos incrementos en partidas de servizos sociais, incremento de instrumentos orzamentarios e técnicos especializados en loita contra a violencia machista”.

“É unha evidencia a falta de compromiso real do alcalde socialista, e esa falta de compromiso vai acorde coa incoherencia que amosa non sendo capaz de evitar ser o protagonista incluso nunha actividade organizada e programada polo movemento feminista. Moitos cargos públicos e institucionais seguen sen entender a natureza destas mobilizacións e sobre todo o significado e motivación das mulleres cando nos organizamos para loitar, neste caso, contra a violencia machista. Mentres iso non mude, e mentres non haxa un compromiso real que non pode ser doutro xeito que aplicando as políticas necesarias e dotándoas orzamentariamente, desde a coherencia coa loita contra a violencia machista, todo seguirá igual e limitarémonos a campañas baleiras e inútiles para as mulleres” conclúe Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.