Marea Vigo alerta da insuficiencia de recursos humanos e materiais no contrato de mantemento e conservación de areas infantís, deportivas e biosaludables

Xosé Lois Jácome: “ Soamente hai 5 persoas para os 135 parques infantís, 45 áreas biosaudables, dúas áreas ximnásticas e os máis de 2000 bancos que figuraban no prego técnico no momento da licitación”.
Publicado por o día 02/08/2018 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea Vigo alerta da insuficiencia de recursos humanos e materiais no contrato de mantemento e conservación de areas infantís, deportivas e biosaludables

 Marea de Vigo considera absolutamente insuficiente que, mentres estas instalacións case se duplicaron nos anos que leva a actual concesionaria ao cargo deste servizo, o persoal siga sendo o mesmo que no ano 2014, momento no que se levou a cabo o proceso de contratación. “Aínda é máis grave tendo en conta que durante estes anos de contrato, a empresa si que cobrou polos incrementos de mobiliario urbano no servizo, mais non aumentaron nin o persoal nin o material” engade Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo cualifica como unha “tónica xeral no goberno do Abel Caballero” o xeito de xestionar a contratación pública, polo que, na mesma liña que no resto de procesos de contratación pública que se levan a cabo no Concello de Vigo, no que atinxe a esta concesión, na adxudicación do contrato primaron os criterios estritamente económicos,  ao adxudicar o contrato á empresa que ofertou máis barato, Ferrovial, aínda sendo  esta a última clasificada nos criterios técnicos e de recursos humanos.

“Unha vez máis queda en evidencia que o criterio de ser a oferta máis barata non pode ser o determinante para os procesos de contratación de servizos públicos. Estas empresas empregan un criterio de recortes máis que evidente en materia de recursos materiais e humanos, estes últimos aínda máis patentes cando chegan os periodos de vacacións e non se cobren as mesmas ou por exemplo nos casos de cobertura por baixas laborais” engade Xosé Lois Jácome.