Marea de Vigo alerta sobre unha vaga inminente de desafiuzamentos na cidade e insta a Xunta de Galicia e Concello de Vigo a actuar como escudos sociais para a cidadanía máis vulnerable

Oriana Méndez: “A Xunta de Galicia debe activar urxentemente o programa Reconduce, mais con recursos. Os recursos que lle foron transferidos polo Goberno do estado dentro do Plan Estatal de Vivenda e con anterioridade con cargo ao fondo de continxencia. Recursos que a día de hoxe aínda non sabemos no que foron gastados”.
Publicado por o día 22/08/2020 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo alerta sobre unha vaga inminente de desafiuzamentos na cidade e insta a Xunta de Galicia e Concello de Vigo a actuar como escudos sociais para a cidadanía máis vulnerable

“Nestes momentos, segundo advirten colectivos coma o Foro Socioeducativo Os Ninguéns, existen tres desafiuzamentos inminentes en Vigo sen alternativa habitacional, o primeiro deles fixado para o 27 de agosto – explica Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. “Estas nais e pais afectados – prosigue – , estes nove menores en risco, son tamén cidadáns de pleno dereito e deben poder atopar solidariedade nas institucións públicas. Tanto a Xunta de Galicia coma o Concello de Vigo son coñecedores destas situacións dende hai meses e deben actuar con responsabilidade e solidariedade, ofrecendo unha alternativa en forma de alugueiro social estable”.

Ademais, dende Marea de Vigo, “temos que lamentar e sinalar que estes tres desafiuzamentos non son unha excepción”. A crise económica e social derivada da covid19 vai comprometer, e está comprometendo xa, o dereito a unha vivenda digna para miles de veciñas e veciños de Vigo. “Existe unha moratoria estatal para os desafiuzamentos a familias vulnerables, mais, previsiblemente, rematará o 1 de outubro de 2020. Ante esta situación, tanto a Xunta coma o Concello de Vigo deben desenvolver os necesarios instrumentos de resposta ás emerxencias habitacionais na nosa cidade” apunta a concelleira.

Actualmente, Vigo segue a padecer dúas carencias que se traducen en insensibilidade por parte tanto da Xunta coma do Concello coa veciñanza máis vulnerable. Por unha banda, Vigo segue a ser a cidade con menor gasto social entre as máis grandes do Estado, con menos de 50 euros/habitante. “Un orzamento municipal claramente insuficiente nun piar básico para a cohesión social como son os servizos sociais” sinala Oriana Méndez. E, por outra banda, Vigo segue sen contar cun parque público de vivenda co que poder ofrecer alternativa habitacional en forma de alugueiros sociais estables a aqueles veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade “que, insistimos, tamén son cidadáns de primeira” matiza a concelleira.

“Polo tanto – enfatiza Oriana Méndez – esixímoslle á Xunta de Galicia que actúe como goberno de todos os galegos e galegas e exerza as súas competencias en materia de Vivenda. E tamén lle esiximos ao Concello de Vigo que abandone o discurso obsceno das luces de Nadal, aumente o orzamento destinado a políticas sociais e asuma xa as competencias en Vivenda que lle outorga o artigo 25 da Lei de Bases”.

“O Concello é a institución máis próxima á cidadanía, ten responsabilidade directa á hora de atender situacións de vulnerabilidade extrema e debe demostrar a súa empatía e solidariedade” conclúe a concelleira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.