Marea de Vigo apoia ao persoal do sergas e da concesionaria de limpeza no conflicto pola recollida da roupa no H. Álvaro Cunqueiro e fai responsable do mesmo á xerencia da área sanitaria, ecabezada por Felix Rubial

Marga L. Barreiro: “Esta situación non é máis que outra consecuencia do modelo de explotación do hospital, que deixou ao SERGAS en mans dunha concesionaria”.
Por o 07/05/2018 | Sección: Marea Vigo,Política
Marea de Vigo apoia ao persoal do sergas e da concesionaria de limpeza no conflicto pola recollida da roupa no H. Álvaro Cunqueiro e fai responsable do mesmo á xerencia da área sanitaria, ecabezada por Felix Rubial
Compartir en:

Este conflito, cuxas consecuencias estanse vivindo nos últimos días, podería terse evitado, cando, xa hai máis dun ano, a representación do persoal de limpeza alertaba da situación e trataba de solucionar coa empresa de limpeza, a concesionaria e co propio SERGAS o que hoxe xa se converteu nun problema sanitario ao contar agora cunha resolución do AGA. ”Houbo marxe suficiente para evitar o que está sucedendo, mais non houbo vontade de solución por parte dos responsables, recaendo as consecuencias sobre o persoal e sobre as e os pacientes, podendo xerar ademais enfrontamentos entre categorías e entre persoal de concesionarias e do propio SERGAS” engade Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Para a Marea de Vigo, esta nova situación, ao igual que o resto dos conflitos que se deron no Hospital Álvaro Cunqueiro, débese única e exclusivamente o modelo de xestión privada do mesmo, polo que a responsabilidade deses conflitos é tamén unicamente de quen fomentou, executou e permitiu ese modelo de xestión privada, no que unha serie de empresas están tratando de sacar o maior rendemento económico a costa das traballadoras e traballadores e da calidade sanitaria.

Marea de Vigo considera ademais que “as ameazas de sanción que a través de cartas asinadas polo Xerente da área sanitaria, Felix Rubial, se están a entregar ao persoal do SERGAS por non asumir o traballo que facía ata o de agora a empresa concesionaria amosan un gran cinismo e unha falta total de profesionalidade por parte de quen, en lugar de tratar de solucionar o problema, o pretende omitir depositando a responsabilidade no persoal.” matiza Marga L. Barreiro.

Marea de Vigo apoiará todas as accións que colectivamente decida levar a cabo o persoal afectado por este conflito e, tanto á Xerencia da Área Sanitaria, como á Consellería de Sanidade e á propia Xunta, pídelle seriedade e a asunción de todas as responsabilidades xeradas desta situación, que non son senón consecuencia das dinámicas empresariais establecidas ao decidir privatizar gran parte da xestión do Álvaro Cunqueiro.