Marea de Vigo, ¡¡asina o manifesto!!

Publicado por o día 12/08/2014 na sección de Marea Vigo,Política

Marea de Vigo, ¡¡asina o manifesto!!

Vivimos nun tempo de anguria, en que os centros do poder económico dirixen a política dos gobernos agredindo a maioría da poboación. A cobiza dos bancos e das grandes corporacións estalles arrincando os dereitos máis elementais a millóns de persoas. Fronte aos nefastos recortes dos servizos públicos, fronte ás políticas que provocan o desemprego, a miseria e a emigración, debemos unirnos para dar unha resposta democrática e solidaria en prol da xustiza social.

Estamos chamadas e chamados a producir un renacemento ético, político e cultural, necesariamente superador do sistema capitalista e da xestións dos partidos corruptos e obedientes ás minorías privilexiadas. En Vigo, coma na Coruña e noutros moitos concellos de Galicia, cada vez máis homes e mulleres xuntamos as nosas forzas nunha gran Marea cidadá para mudar esta situación de caos e sufrimento, ata o punto de que podemos sentir que regresou a dignidade.

Agora temos ás portas unhas eleccións municipais que deben servir para lograr un cambio radical. Vigo está devalando nun proceso de frustrante decadencia. O actual goberno municipal perpetúa a privatización da auga, dos transportes urbanos e de ría, dos servizos recaudatorios, dos aparcadoiros; de xeito que unha colosal masa de diñeiro que todos achegamos ás arcas municipais vai encher as andorgas de empresas privadas alleas a Vigo e a Galicia.

Queremos que o concello de Vigo sexa o centro dunha área metropolitana que converta a nosa comarca nun dos principais eixos do desenvolvemento social do país. Queremos, antes que humanizar as rúas, humanizar as condicións de vida das persoas que se atopan na probreza máis extrema. Queremos rematar de vez coa especulación urbanística e os desafiuzamentos. Queremos que se promova e respecte a nosa lingua e a nosa cultura, agora mesmo maltratadas pola Xunta de Feijoo.

Reclamamos un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas. E tentaremos impedir, en confluencia coas opcións de esquerdas doutros concellos, que as deputacións provinciais sigan sendo niños de corrupción e nepotismo, ao tempo que propugnamos a súa desaparición.

Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir. Propoñemos ir rueiro por rueiro, barrio por barrio, parroquia por parroquia, para construír entre todas e todos unha política inédita que nos libere das vellas prácticas dos partidos do réxime. Así, coa nosa forza colectiva e asemblearia, conseguiremos que a marea dos que non temos nada que perder e si todo que gañar asolague dunha vez estas beiras do Atlántico.

ASINAR O MANIFESTO