Marea de Vigo considera absolutamente ridículos os investimentos que consigna o proxecto orzamentario á cidade de Vigo

Publicado por o día 14/01/2019 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo considera absolutamente ridículos os investimentos que consigna o proxecto orzamentario á cidade de Vigo

Rubén Pérez: “Semella que as viaxes e recados de Abel Caballero en Madrid non impiden que de novo Vigo quede relegada nos Orzamentos Xerais do estado. Mesmo actuacións que demagoxicamente levan protagonizando o debate político como o AVE Ourense-Vigo por Cerdedo apenas consignan 500.000 euros dun total de máis de 1000 millóns de custo total orzamentado”.

O grupo municipal da Marea de Vigo fixo hoxe unha primeira valoración do proxecto de ORZAMENTOS DO ESTADO PARA 2019 no tocante aos programas e investimentos que teñen que ver coa cidade de Vigo. “Non aparece proxecto de Biblioteca Pública do Estado en Vigo, nin un euro para melloras ou Plan de abastecemento de auga en Vigo, non se concretan políticas de vivenda na cidade derivadas do Plan Estatal e non existe ningún compromiso de incremento de partida co museo de arte contemporáneo MARCO” matiza o seu voceiro.

Do mesmo xeito postérgase para 2020 o investimento e reforma do CIS de Vigo Carmen Avendaño da Avenida de Madrid pese a necesidade urxente de acometer ampliación e reforma. Nos investimentos de Zona Franca desaparecen os compromisos co centro de servizos ao transporte (ate 2020) e ao novo centro de emprendimento e negocios adxudícase unha cantidade irrisoria de 200.000 euros dos máis de 10 millóns de euros necesarios.

Para Marea de Vigo, a tan “cacarexada” nova situación coa chegada do Goberno socialista que tería que vivir Vigo non so é inexistente senón que, decrece considerablemente no referente a investimentos e aos compromisos coa cidade de Vigo.

Marea de Vigo prepara unha serie de emendas aos orzamentos en sintonía coas que ten presentado historicamente e que nin PP nin PSOE queren asumir como prioritarias para a cidade.